A Praza de Touros acolle unha fin de semana de deporte-praia

62

O concelleiro de Deportes, Agustín Fernández, presentou un dos eventos deportivos máis singulares de cantos se celebran en Pontevedra: unha fin de semana de rugby e balonmán-praia na Praza de Touros.
A iniciativa partiu do Pontevedra Rugby Club e a ela sumouse inmediatamente a asociación “Propóntelo” para incorporar tamén o balonmán. O concelleiro de Deportes está valorando tamén que o próximo ano se incorpore o voley-praia, co que quedaría perfilado un evento multidisciplinar dun grande atractivo. O acto de presentación contou coa presenza do presidente do Pontevedra Rugby Club, Félix Álvarez, e de “Propóntelo”, Pablo Domínguez.
O certame de deporte-praia será totalmente gratuíto. Os espectadores contarán cunhas condicións de confort moito mellores ás dispoñibles nunha praia natural e mesmo estará habilitado un servizo de bar con prezos populares.
Agustín Fernández quixo agradecer a iniciativa do Pontevedra Rugby Club, que leva anos pulindo esta idea. Descartaron celebralo na praia fluvial ou na de Ponte Sampaio, que polas súas características non eran idóneas. Finalmente, xurdiu a idea da Praza de Touros e, en canto nola presentaron, pareceunos adecuado, dado que o Concello e a empresa da praza temos un convenio para a utilización do recinto, explicou o edil.

A Praza resulta un recinto idóneo para este espectáculo polas súas dimensións. A cancha de rugby e balonmán praia ten unhas dimensións de 30×20 metros, que caben perfectamente no ruedo. A superficie xa está preparada, grazas á instalación dunha lona e a achega dunha capa de 30 centímetros de area de canteira.
A fin de semana comezará o venres, coa competición de balonmán en horario de 20.00 a 01.00 horas. O sábado chega o rugby-praia dende as 12.00 ás 19.00 horas. A continuación, a partir das 20.00 horas o balonmán volverá ser o protagonista.
Na competición de rugby participan:

Cau Metropolitano Madrid.
Bohemian Celtics, de Dublin.
Black Rock, de Cork.
Pementos (selección galega).
Camelias (selección das Rías Baixas).
Pontevedra Rugby Club.
Ingleses de Vilagarcía.
Fendetestas (As Pontes).
Crats (Club Rugby Arquitectos Técnicos) da Coruña.
Filosofía, de Santiago.
Vigo Rugby Club.
Ferrol Rugby Club.
Koikora (selección de Pontevedra).
Campus Ourense Rugby Club.
En canto á competición de balonmán destaca a presenza dun equipo portugués e dous asturianos. O resto proceden da comunidade galega. A maioría deles serán equipos mixtos.