Comeza Ponteverán 2012!

37

O luns 2 dará comezo o CAMPAMENTO URBANO I con 50 nenos e nenas de entre 8 e 12 anos no colexio Álvarez Limeses. Ata o día 13 de xullo gozarán das actividades, xogos, obradoiros e excursións pola nosa cidade, ademais de pasar un día de acampada na parroquia de santo André de Xeve. A partir do 16 de xullo darán o relevo á segunda quenda de 50 nenos e nenas, co CAMPAMENTO URBANO II que se desenvolverá ata final de mes e para o que aínda queda algunha praza dispoñible.

Tamén o luns, na Casa Azul comezará o curso de INICIACIÓN AO CLOWN onde participarán 16 mozos e mozas maiores de 15 anos. A actriz afincada na nosa cidade Marián Bañobre dirixirá este obradoiro que se desenvolverá esta semana de luns a venres en horario de 10 a 14h.  Por outro lado, nesta dependencia municipal  iníciase a programación de cursos gratuítos de informática co CURSO DE EDITOR DE TEXTOS  no que participarán 18 mozos e mozas maiores de 14 anos.

No Local de Música municipal tamén se porá en marcha o curso de ORGANIZACIÓN E PRODUCIÓN DE EVENTOS MUSICAIS, curso profesional para mozos e mozas entre 16 e 30 anos, que pretende dar a coñecer os  aspectos máis relevantes a ter en conta á hora de producir eventos musicais de calquera tipo. Curso que nace cunha orientación profesional sobre este ámbito de interese para a mocidade e que pode axudar á potenciar o seu acceso ao mercado laboral e o autoemprego. A parte práctica do curso será realizada durante a montaxe dos concertos das festas da Peregrina.

Na praia de Ponte Sampaio tamén comeza o primeiro dos cursos de INICIACIÓN AO PIRAGÜISMO  para nenos e nenas a partir dos 9 anos. O Club de piragüismo Río Verduxo é o encargado de impartir estes cursos de dúas semanas de duración cada un deles.

Por outra banda, lembrar que continúa aberta a inscrición de equipos para participar no IV TORNEO DE FÚTBOL 7 PONTEVERÁN-CAFYD que terá lugar nos campos de herba sintética da Xunqueira os días 14 e 15 de xullo. As categorías son: cadete masculino, xuvenil masculino, senior masculino, categoría agrupada feminina. A inscrición de cada equipo é de 30 €.

Aínda quedan prazas dispoñibles nalgunhas das actividades . A programación pode consultarse en www.ponteveran.info     As persoas interesadas poden inscribirse na Oficina de Xuventude municipal ubicada na Casa Azul en horario de mañá de 8,30 a 14,30h. ou a través do mail  xuventude@pontevedra.eu

Mencionar que todas as actividade do programa Ponteverán contan con cotas populares moi reducidas e descontos importantes para familias numerosas, familiares directos e mozos/as con Carné Xove. Ademais de reservarse, como cada ano, un 10% das prazas para familias usuarias dos Servizos Sociais municipais.