Pontevedra devolve ao osario de Santa María os restos dos fregreses do cemiterio medieval

80

O lateral norte da Basílica de Santa María será esta tarde escenario do acto de lembranza que os veciños de Santa María, a parroquia e o Concello farán aos fegreses da parroquia que estaban enterrados no vello cemiterio medieval de Santa María. Os seus restos foron achados nas últimas escavacións arqueolóxicas que se realizaron na contorna da basílica e que permitiron obter moitos datos sobre a historia desta parte da vila.

A Concellaría de Patrimonio Histórico xunto á parroquia coordinaron unha serie de actos (civís e relixiosos) para destacar a importancia histórica destes achados que contribúen á recuperación da memoria da cidade, e tamén para resaltar a importancia humana e sentimental de devolver parte destes restos ao seu lugar de descanso.

O acto simbólico comezará ás 20.00 horas, parte destes restos volverán á Basílica no osario que se creou ex profeso. A maior parte dos osos descubertos naquelas escavacións serán depositados nun centro especializado coas correctas medidas de conservación para poder ser estudados no futuro, se así se decidise.

Os actos civís consisten no descubrimento dunha placa e dunha breve explicación sobre a relevancia histórica do achado por parte do arqueólogo municipal, así como as intervencións do alcalde, do párroco de Santa María e da presidenta da asociación de veciños, Pilar Señoráns.

Tamén está previsto un paseo pola zona de Santa María onde se fixeron recentemente a reparación da fonte de ferro fundido, o acondicionamento da zona verde, e mantemento do maceteiro de madeira. Asimesmo se realizaron traballos de mellora do pavimento no Eirado de Álvar Páez.

A excavación de Santa María foi considerada a maior necrópole de Galicia con máis de 100 esqueletes do século XVI, aínda que algúns se remontan ao século XIV, debido ao costume medieval de soterrar varios corpos nunha mesma fosa. Eran individuos de todas as idades -incluso nenos-, e sexos. O estudo destes restos desvelará costumes da sociedade da época, por exemplo, o desgaste dos dentes determinará o tipo de dieta alimenticia probablemente cunha dieta escasa en carne, moita verdura e froitos secos ou mariscos.