Xornada de convivencia no Miradoiro dentro do programa Monte Porreiro ConVida

35

A Concellaría de Patrimonio e de Xestión Territorializada que xestiona Luís Bará continúa mañá coa programación de Monte Porreiro ConVida cunha xornada de convivencia e de lecer no Miradoiro. Comezará ás 18.30 horas e terá a seguinte programación:

• 18.30 horas, demostración do xogo da petanca.
• 19.30 horas Xogos tradicionais infantís
• 21.30 horas Chocolatada e rosca
• Fogueira de San Pedro
• Actuación do grupo Pola Vila

Cabe lembrar que o programa Monte Porreiro ConVida ten tres obxectivos: promover a identidade e o sentimento de pertenza na veciñanza; dar o coñecer os equipamentos, espazos e servizos con que conta o barrio en material educativa, social, deportiva, cultural, empresarial, espazos naturais, etc; impulsar a dinamización sociocultural do barrio.

Monte Porreiro ConVida está impulsado polo Concello de Pontevedra e o Consello Territorial de Monte Porreiro e conta coa participación das entidades veciñais do barrio:

• Asociación Veciñal O Mirador
• ANPA do colexio Marcos da Portela
• ANPA do colexio Fina Casalderrey
• ANPA do IES Luís Seoane
• Asociación Cultural A Fietiña

Tamén conta coa colaboración doutras entidades, institucións e empresas que se irán sumando ao longo do tempo nos diferentes programas que se van desenvolver.

Monte Porreiro ConVida comezou a pasada semana cun acto celebrado nos Xardíns da Uned en relación ao ensino público. Foi un acto sobre a oferta de ensino público do barrio desde os 0 anos á Universidade ao que están convidados representantes das direccións dos centros, ANPAs, asociación de veciños e representantes institucionais do Concello de Pontevedra e da Consellaría de Educación.

A finalidade deste acto foi dar a coñecer a ampla oferta educativa do barrio, a calidade e bo facer dos centros educativos, e a importancia de manter e potenciar o ensino público como factor de cohesión social e equidade nestes tempos en que se agrandan as diferenzas sociais e se incrementa a exclusión social.

Ademais, a Concellaría tamén programou visitas aos espazos naturais do barrio de Monte Porreiro como o xardín botánico da Uned, a rede natura do salóns do Lérez ou ao propio Miradoiro, con visitas guiadas tanto a escolares como aberta aos veciños e residentes no concello.

O programa Monte Porreiro ConVida vaise desenvolver de forma continuada, centrando a atención en diversos temas: espazos naturais, actividades socioculturais, equipamentos e servizos, iniciativas empresariais, exposicións, excursións, etc.