Boa acollida do Banco de libros de texto

37

A Concellaría de Benestar Social Municipal, a través da Redeaxuda, mantén aberto o prazo para a entrega voluntaria de libros ao Banco de libros de texto. A concelleira Carmen Fouces apela á solidariedade das familias pontevedresas, incluso daquelas que van recibir o cheque por libros da Xunta de Galicia e non precisan recoller os libros dende esta iniciativa do Concello.

Dende a Concellaría se lles solicita que depositen os libros que xa non lles fai falta o que permitirá aliviar a situación económica das familias que aínda que non cheguen a cumprir os requisitos para solicitar o cheque da Xunta; e fomentar a reutilización dos libros de texto que nunca se debeu de deixar facer.

Carmen Fouces lembra que a iniciativa está resultando un éxito porque conta coa participación de todos os centros de ensino de Primaria e Secundaria da cidade, agás catro centros que xa levaban organizando o seu propio banco de libros pola súa conta.

Benestar Social Municipal lembra que nestes días as familias que teñen dereito a recibir o cheque da Xunta de Galicia estanse achegando aos centros de ensino. Pídeselles que aproveiten para colaborar con esta iniciativa e deixen os libros que xa non precisen. Esta petición faise extensiva ao resto de persoas que tamén teñan libros en desuso, para que os acheguen aos centros para depositalos.

A Concellaría puxo en marcha esta iniciativa que rematará o vindeiro venres, 6 de xullo, a través da Redeaxuda. Pódese obter toda a información no web www.redeaxuda.com e nos centros de ensino.

Como colaborar

O Banco de libros de texto é un novo proxecto de reutilización de libros de texto vixentes. O obxectivo é aliviar as economías familiares para o vindeiro curso escolar e reutilizar aqueles libros que aínda están en bo uso.

O funcionamento deste banco será o seguinte:

• As familias deixarán nos centros os libros de texto vixentes cunha antigüedade máxima de catro anos
• Cubrirán un documento no que figurarán os libros que donan e os que solicitan.
• A data límite para a donación de libros é o 6 de xullo.

Dende aí, o Concello recollerá os libros e as peticións das familias nos centros e, fará os lotes que se repartirán en setembro.

Os criterios para beneficiarse deste programa serán:

1. As familias usuarias dos Servizos Sociais e conten cos informes favorables para a adxudicación de libros.
2. As familias que máis libros donaron, recibirán un punto por libro
3. As familias con máis fillos, recibirán un punto por fillo.

Os libros teñen que estar vixentes para o curso 2012/13 e teñen que estar en bo estado. Só se poden donar libros a partir de terceiro de Primaria, dado que os libros non poden estar escritos.