Concerto do Trio Galaaz. Ciclo de Concertos Noites de Música Antiga

58

Lugar: Ruínas de San Domingos

Hora: 22 h.

Entrada libre ata completar aforo.

 

IV edición do ciclo de concertos Noites de Música Antiga nas Ruínas de San Domingos que organiza o Museo de Pontevedra en colaboración do Conservatorio de Música Manuel Quiroga de Pontevedra.

 

Coma en anos anteriores, no caso de que as inclemencias do tempo non permitan a celebración dos concertos nas Ruínas, trasladarase esta ao Sexto Edificio do Museo na rúa Padre Amoedo, 3.

 

O Trío Galaaz, integrado por Manuel Morales (frauta traveseira barroca), Rafael Muñoz (tiorba e guitarra barroca) e Arquímedes Artal (viola de gamba), xorde coa vontade de transmitir ó oínte actual as sutilezas propias do son rico e complexo destes instrumentos e da música composta para eles. A sonoridade desta formación, tan amada na corte francesa do Rei Sol, Luís XIV, consegue combinar os matices máis delicados e as articulacións máis refinadas cunha gran flexibilidade dinámica e unha gran potencia expresiva. Ademais, é ideal para recrear o que puido ser a atmosfera sonora da música de cámara no Barroco, tan afastada das masas orquestrais e os limiares de ruído do mundo actual. Os seus compoñentes especializáronse nas mellores escolas europeas cos intérpretes máis afamados dos seus respectivos instrumentos e teñen xa unha recoñecida traxectoria con diversas formacións dedicadas á música antiga.