As ludotecas de verán botan a andar coa totalidade das prazas cubertas

67

O programa municipal de ludotecas de verán botou a andar esta semana. Un total de 1.020  nenos/as participan este ano nunha iniciativa que se desenvolve baixo o nome xenérico de “Escolas de Verán”. O concelleiro de Educación, Agustín Fernández, e o presidente da Federación de Asociacións de Nais e Pais (Fanpa-Pontevedra), Alberto Pita estiveron no colexio de Manuel Vidal Portela, unha das sedes elixidas.
O programa está dirixido a rapaces de entre 3 e 12 anos escolarizados e empadroados no municipio de Pontevedra, que gozan deste servizo durante as catro quincenas comprendidas entre os meses de xullo e agosto.
O programa municipal repártese entre as ludotecas urbanas, que se ofrecen este ano nos colexios Manuel Vidal Portela e Campolongo; a ludoteca de inmersión lingüística en Inglés, no colexio de Barcelos; a do colexio Fina Casalderrey (Monte Porreiro) e, finalmente, as dos colexios rurais de Vilaverde (Mourente), Cabanas (Salcedo), Ponte Sampaio e Santo André de Xeve. Despois do proceso de selección e inscrición conseguiuse aloxar a todos os pequenos/as nos centros onde había vacantes.
Un ano máis confirmouse que a demanda nas ludotecas rurais é máis reducida e, por isto, optouse por non celebralas durante o mes de agosto en Xeve, Ponte Sampaio e Cabanas. Agustín Fernández destacou que, realizado este axuste, acadouse a cobertura da totalidade das prazas, un dato moi relevante pois falamos de máis dun milleiro nunha cidade de algo máis de 83.000 habitantes. De feito, neste ano hai un incremento de preto dun cento de nenos con respecto ao verán pasado.
O concelleiro de Educación destacou que o programa de ludotecas está sometido a un continuo proceso de avaliación. Este ano chegou cunha forte aposta pola conciliación familiar e laboral. Por este motivo, ampliouse o horario para homologalo ao escolar: de 9 horas a 14 horas. En edicións anteriores comezaba e remataba media hora antes.
A Concellería de Educación e Fanpa-Pontevedra optaron por ofrecer o mellor servizo posible aos proxenitores interesados. Así, poderán gozar de servizo Madruga, que permite deixar aos nenos a partir das 7,30 horas con almorzo incluído, e tamén de comedor, co que os rapaces poderán quedarse a comer ata as 15,30 horas.
O programa inclúe un amplo abano de actividades. O concelleiro subliñou que non se trata só de deixar o neno/a na ludoteca. Os que participen na actividade de Inglés teñen a certeza de que se traballará na mellora da comunicación do idioma nun ambiente divertido. No resto dos casos desenvolverase un programa educativo en torno as temáticas “Navegantes”, “Eureka”, “Aventureiros” e “Codia e miolo”. Baixo estes epígrafes haberá actividades de nós mariñeiros, obradoiro de disfraces e curtametraxes, de creación literaria, de investigación e máquinas imposibles, obradoiro de escavacións arqueolóxicas, de cociña, de horticultura e  práctica de deportes. Tamén están programadas visitas, en función das quendas a unha panadería, á ruta dos muíños pola senda do Almofrei, ao parque dos sentidos de Marín, á Biblioteca pública, a unha imprenta, a Combarro e á cámara da fragata Numancia do museo de Pontevedra.
Os prezos son de 35 euros por quincena nas ludotecas urbanas e na de inmersión lingüística (21 euros para as familias numerosas). O prezo mensual nas ludotecas do rural é de 25 euros (17 para familias numerosas). En canto aos servizos complementarios, o Madruga sen almorzo significa un desembolso por quenda de 22 euros e con almorzo, 28 euros. O comedor ten un custo por quenda de 42 euros.
O programa de ludotecas finánciase pola Concellería de Educación a través do convenio con Fanpa-Pontevedra, acordo que Agustín Fernández cualifica como moi satisfactorio, porque dá moita tranquilidade saber que hai xente tan seria traballando para que todo saia ben.