Louro compara o esquema da nova ordenanza de Simplificación Administrativa coa Declaración da Renda

73

Na última campaña electoral, a directiva de Aempe pediu a axilización na tramitación das licenzas comerciais. O concelleiro de Urbanismo, Antón Louro, xuntouse hoxe coa asociación empresarial para dicirlle que os deberes están feitos. A nova ordenanza de simplificación administrativa permitirá a obtención inmediata de case tres cuartas partes das licenzas para aperturas de negocios que se presentan diante do Concello de Pontevedra.
A ordenanza estará operativa en setembro. Louro detallou que será aprobada inicialmente no Pleno do próximo día 23. Despois da súa exposición ao público, quedará referendada definitivamente e entrará en vigor coa súa publicación no Boletín da Provincia.
Na conversa explicouse que a simplificación é mesmo máis ambiciosa do previsto na Lei Estatal recentemente promulgada. No anexo das actividades incluídas figuran, por exemplo, os despachos profesionais e a todo tipo de actividades inocuas que se pretendan desenvolver en locais de menos de 300 metros cadrados. Vai tamén máis alá doutras ordenanzas que están a impulsar outros concellos, nos que se mantén un control previo municipal cun prazo reducido de 15 días para presentación e visado de documentación.
Durante a xuntanza, Louro explicou o mecanismo administrativo que permite adquirir a licenza polo mero feito da presentación dunha instancia coñecida como Declaración Responsable. Nela, o emprendedor afirma dispoñer de todos os requisitos técnicos e legais necesarios para a posta en marcha do negocio. A comprobación municipal só se produce a posteriori. Isto obriga, engadiu o concelleiro, a que o promotor da iniciativa empresarial e, sobre todo, os técnicos privados, asuman a responsabilidade.
Antón Louro comparou a presentación da Declaración Responsable coa Declaración da Renda sobre as Persoas Físicas, na que o cidadán fai unha liquidación e se responsabiliza dela. Sen prexuízo das consecuencias de posibles irregularidades constatadas no control posterior.
A directiva de Aempe, que levou copia do texto, coincidiu en que se trata dunha ordenanza ambiciosa e moi favorable para os cidadáns e os emprendedores. Unha novidade que remove obstáculos para a apertura dun negocio e que pode contribuír a dinamizar a economía local.