Patrimonio Histórico inicia traballos de conservación dos cruceiros do concello cun estudo dos das Cinco Rúas e o da praza da Leña

64

O Concello de Pontevedra iniciou hoxe un estudo dos cruceiros das Cinco Rúas e da praza da Leña coa colaboración da Escola de Restauración e Conservación de Bens Culturais de Galicia. Os primeiros pasos deste estudo foi a toma de mostras fotográficas dos cruceiros para poder iniciar a valoración destas pezas do patrimonio da cidade, co propósito de mantelos nas mellores condicións de conservación.

Nestes traballos estuvo o concelleiro de Patrimonio Histórico, Luís Bará así como a profesora da Escola de Restauración, Cristina Montojo, que foi a encargada de realizar unha reportaxe fotográfica dos dous cruceiros. Este traballo está incluído dentro do convenio de colaboración que asinaron recentemente as dúas institucións para a posta en valor e coidado do patrimonio histórico da cidade.

Este informe será elaborado polos alumnos do curso de Pedra no vindeiro curso académico (imparase no segundo cuatrimestre) e arroxará datos sobre a conservación, tratamento ou intervención que poidan precisar as pezas. De ser precisa unha intervención sería executada por unha empresa especializada.

Luís Bará explicou que o cruceiro das Cinco Rúas era unha peza policromada da que so conserva a pigmentación vermella de imprimación que se aplicaba antes da pintura. Os técnicos da escola, nunha primeira inspección, non podían datar a época desta imprimación, que xa se facía no medievo.  Unha vez que se fagan os traballos de recuperación ou mantemento necesarios, o Concello estudará a posibilidade de que se faga unha recreación virtual da peza policromada, para dar a coñecer como era orixinariamente.

Sobre o cruceiro da praza da Leña, Cristina Montojo explicou que é unha peza que conserva ben a pedra pero sufriu moitos danos ao longo do tempo, de feito presenta importantes grapas de ferro unindo pezas do cruceiro ou, incluso, cemento para “refacer” parte da estrutura. Explicou que son elementos que habitualmente se eliminan e substitúen, pero nalgúns casos é preferible mantelos para evitar danos maiores na peza. A Escola ten que estudar o caso do Cruceiro da Leña en concreto para ver cal sería a proposta nesta ocasión.

O concelleiro Luís Bará lembrou que os cruceiros son unhas pezas patrimoniais de primeira orde dentro de Pontevedra, tanto na zona urbana como no rural, por iso é pretensión da Concellaría de Patrimonio Histórico realizar unha catalogación de todas estas pezas de grande valor artístico e histórico dentro do municipio dentro do Plan do Patrimonio. Tamén acometer a restauración e tratamento de urxencia nas pezas que puideran atoparse en risco de deterioro.