Remata a restauración da Illa do Covo cos traballos de mantemento da pasarela peonil

63

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores e a concelleira de Parques e Xardíns, Anxos Riveiro visitaron esta mañá a Illa do Cobo que acomete nestes días os últimos traballos de restauración ambiental do principal parque urbano da cidade.

Nestes días a empresa encargada da restauración está a acometer os traballos de mantemento da pasarela peonil que une a avenida de Bos Aires coa Illa. Ademais do pintado do arco, tamén se está a retirar as capas oxidadas da estrutura que se atopa en perfecto estado de conservación segundo puido comprobar a empresa especializada que está a realizar estes traballos. Nos próximos días fará un chorreo con area da calzada da pasarela para retirar o resto do óxido e dará unha imprimación para a súa impermeabilización.

Unha vez rematados todos estes traballos, acometerase o mantemento das esculturas e do su entorno máis inmediato. Será unha actuación branda de limpeza e posta en valor. Tamén se instalarán na praza da entrada á Illa varios aparcabicis, así como medidores de distancias nas vías principais.

Outra das obras pendentes é rematar o soterramento da liña de media tensión descuberta nunha parte da illa ao retirar os recheos. O Concello axilizou toda a tramitación administrativa para soterrar esta liña. De feito, a parte civil está rematada e está pendente do traballo da empresa enerxética.

O alcalde Miguel Anxo Fernández Lores lembrou que a restauración da Illa do Cobo está practicamente rematada e permitiu transformala nun espazo multidisciplinar xa que nel conviven cada día persoas de todas as idades paseando, facendo deporte, xogando… Polo que se trata dun parque de uso privilexiado a escasa distancia do centro urbano que dispón de parque infantil, quiosco (cuxa adxudicación está en trámite), zonas deportivas, espazos de lecer…