Asfaltado dos estacionamentos na praza de Barcelos

41

O Concello de Pontevedra a través da Concellaría de sostemento dos espazos públicos, que xestiona Luís Bará, inicia hoxe os traballos de asfaltado de parte da praza de Barcelos. Estas obras están incluídas dentro do plan de mellora da propia praza que se iniciou hai varios meses. A concellaría acordou deixar para esta época do ano as tarefas de asfaltado dado que xa rematou o curso escolar (na praza hai un centro de ensino) e a afluencia de vehículos é menor.

As obras comezaron esta mañá e afectarán aos espazos de estacionamento en superficie da praza, nalgúns casos bastante deteriorados. Comezouse pola demolición do firme actual que será substituído por un novo asfaltado entre a xornada de hoxe e de mañá. Como novidade e de xeito experimental, na parte alta da praza (paralela a Benito Corbal) empregarase un asfalto que simula o adoquín.

Na xornada do mércores, está previsto o asfaltado do cruzamento das rúas San Antoniño, Perfecto Feijóo e praza de Barcelos. O Concello negociou coa empresa que executa as obras, que este asfaltado se realizara durante a xornada festiva na cidade (San Bieito) para minimizar os efectos no tráfico.

Este asfaltado obriga a realizar un plan de tráfico. Mantense o acceso á praza de Barcelos dende Perfecto Feijóo, pero se pecha ao tráfico o acceso a San Antoniño. Esta rúa cambia de sentido (de Casimiro Gómez a Barcelos) durante esta xornada, e os vehículos terán que saír pola rúa Lepanto cara Benito Corbal.

Con estas obras solucionaranse os afundimentos da calzada e o mal estado do pavimento e dase resposta a unha demanda veciñal.

Ademais, a empresa Gas Galicia aproveitará a xornada e estes labores de asfaltado para instalar unha canalización en Perfecto Feijóo, e asfaltarase ata a metade da rúa.