Louro recibe con satisfacción a aprobación definitiva do primeiro polígono urbanístico de iniciativa privada

59

A Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo da Xunta de Galicia vén de aprobar o Plan Especial de Reforma Interior (PERI) do primeiro polígono urbanístico desenvolvido directamente por particulares e, por tanto, non incluído non Plan Xeral de Ordenación Urbana de Pontevedra.
O concelleiro de Urbanismo, Antón Louro, recibiu a nova con satisfacción, dado que o departamento autonómico tiña emitido un informe preliminar negativo a finais do pasado ano. Aquel informe mesmo poñía en cuestión a continuidade da iniciativa ao rebaixar substancialmente a edificabilidade. Así dunha previsión total de 23.963 metros cadrados calculados pola promotora “Pelete” e os técnicos municipais, rebaixábase a 18.335 metros cadrados. Finalmente, tras as correccións realizadas dende a Concellería de Urbanismo, a edificabilidade queda aprobada en 22.868 metros cadrados, o que vai posible a construción de algo máis de 220 vivendas.
Antón Louro destaca que o polígono ten unha superficie total de 16.428 metros cadrados nos que se construirán catro edificios completamente exentos. Os edificios terán baixo máis cinco andares. O Concello obterá 363 metros cadrados nunha parcela para equipamento, que ten unha edificabilidade asociada de 2.396 metros. A ordenación proposta contempla catro espazos, intercalados entre os edificios, dedicados a espazos libres e zonas verdes. Finalmente, o futuro polígono inclúe 479 prazas para aparcamentos, dos que 359 están no subsolo baixo os edificios propostos e as 120 restantes nas novas rúas.
O ámbito está encaixado entre os terreos da ONCE, o novo edificio administrativo da Xunta e o entorno da avenida de Fernández Ladreda e o instituto Torrente Ballester. Louro considera que estamos diante dunha “peza” importante para completar un amplo cacho de cidade nesta zona, mellorando de xeito moi substancial as comunicacións e a rede de rúas e espazos libres no que actualmente é o “patio traseiro” da avenida de Fernández Ladreda.
O PERI, documento de ordenación urbanística en casos de solo non consolidado, debía ser informado pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas ao non estar previsto o polígono no PXOU. Agora vólvelle tocar ao Concello a aprobación definitiva. Iniciaranse entón os mesmos trámites que en calquera Unidade de Actuación prevista no PXOU, é dicir, constitución da Xunta de Compensación entre os propietarios, aprobación de estatutos e bases, proxecto de compensación para o reparto de cargas e beneficios entre todos os propietarios e, finalmente, proxecto de urbanización. A partir de aí, xa se poderán solicitar as licenzas para construción dos catro edificios e o ritmo de execución só dependerá do mercado inmobiliario.