O Concello modernizará a piscina de Campolongo e construirá o Centro Deportivo da Parda baixo concesión

39

Os concelleiros de Urbanismo, Antón Louro, e Deportes, Agustín Fernández, presentaron “unha operación de calado” para solucionar o deterioro da piscina de Campolongo e o bloqueo das obras do Centro Lúdico-Deportivo da Parda. En palabras de Louro, as dúas deficiencias máis urxentes en materia de instalacións deportivas e de lecer da cidade.
Antón Louro destacou que, despois de varios meses de traballo calado e continuado, deuse cunha saída viable para os dous centros deportivos, que quedarán integrados baixo o paraugas dunha mesma concesión administrativa. Ao tempo destacou a importancia de manter os postos dos 45 traballadores da piscina de Campolongo, cuestión que sempre foi prioritaria nas distintas alternativas baralladas.
Agustín Fernández anunciou que o Instituto Municipal de Deportes tomou hoxe a decisión de prorrogar a actual concesión da piscina de Campolongo coa empresa Serviocio ata o próximo ano. O obxectivo é dar tempo ao novo proceso administrativo. O concelleiro explicou que os problemas de Campolongo e a Parda atacáronse inicialmente por separado, pero tomouse a decisión de unificalos ao constatar que as conversas coa Xunta para desatascar o convenio do Centro Lúdico-Deportivo da Parda non ían saír adiante.
O concelleiro adiantou que varias empresas están interesadas en facerse coa concesión das novas instalacións, pero Serviocio xa se acolleu á Lei de Contratos do Sector Público para presentar diante do Concello un estudo de viabilidade. A lei determina que o estudo terá que ser aprobado ou desestimado nun prazo de tres meses. A partir de aí dará pé a un concurso público para a adxudicación da concesión. A actual concesionaria de Campolongo xa anunciou a súa intención de concorrer, pero dáse por seguro que participarán tamén outras empresas especializadas.
O estudo de viabilidade presentado por Serviocio prevé un investimento de 4,8 millóns de euros nas dúas infraestruturas e unha concesión a 40 anos. Non se prevé pago de canon. Antón Louro expresou a súa seguridade de que, unha vez aberta a poxa, haberá melloras, incluídas as da propia empresa solicitante, sobre as propostas recollidas no estudo de viabilidade.
O concurso poderá resolverse a principios de 2013 e as obras terán unha duración dun ano. A reforma para modernizar as piscinas de Campolongo deberá realizarse en verán (cun peche da instalación, que se fará coincidir coa época do ano de menor actividade, duns catro meses). A totalidade das instalacións poderían estar operativas a principios de 2014.
O proxecto para modernizar a piscina de Campolongo consistirá nunha demolición parcial da actual estrutura. O novo edificio ampliaríase ata o límite para ocupar a totalidade da parcela dotacional (cara a igrexa de San Xosé) e unha renovación completa do andar baixo (nivel de acceso), así como o saneamento do forxado do teito e a remodelación das pistas deportivas en superficie. Os vasos, así como todas as instalacións serían completamente substituídos.
A piscina contaría en andar baixo con vestíbulo e control de accesos; dous vestiarios xerais; dous vestiarios infantís; piscina deportiva (25×12,5 metros) e vaso polivalente (14×6 metros); zona SPA; cafetería e oficinas. No soto haberá unha sala de fitness (530 metros cadrados): cardiovascular e musculación, tres salas de actividades (180, 130 e 100 metros cadrados, respectivamente) e sala de instalacións.
Na Parda, Serviocio ofrece a urbanización completa de toda a parcela, incluíndo a conexión de todos os servizos. O espazo quedaría configurado con dúas piscinas cunha lámina de auga total de 500 metros cadrados; catro pistas de pádel, edificio de acceso con Recepción, vestiarios e cafetería; aparcadoiro, con capacidade para 100 coches; zona verde, de 2.000 metros cadrados e, finalmente, parque infantil, de 250 metros cadrados. O proxecto non contempla o aproveitamento das infraestruturas a medio construír.
Finalmente, Agustín Fernández avogou por un entendemento coa Xunta de Galicia para facer posible que os importes comprometidos con Pontevedra no marco do caducado convenio do complexo lúdico-deportivo da Parda pódanse canalizar para resolver algunha das necesidades pendentes na cidade. A construción dun pavillón modular para a especialidade da ximnasia é a que máis gusta na Concellería de Deportes.