Benestar atenderá as peticións de libros de texto dunhas 35 familias pontevedresas

39

O alcalde e a concelleira de Benestar Social, Carmen Fouces visitaron esta mañá os traballos de elaboración de lotes de libros que os traballadores municipais están a realizar na Casa Azul. Son os libros que chegaron a través da Redeaxuda na primeira edición do Banco de libros de texto, que supuxo todo un éxito como revelan as súas cifras.

Segundo os últimos datos da Concellaría, os centros de ensino colaboradores recibiron máis de 1.000 libros de texto, aínda que só son válidos para o próximo ano arredor de 600. Cabe lembrar que para o curso escolar 2012/13 cambian totalmente os libros de 3º e 4º de Primaria e 2º e 4º da ESO, por iso as peticións que chegaron á Concellaría para estes cursos non poden ser atendidas polo banco.

A Concellaría recibiu 35 peticións de familias que poderán cubrirse case na súa totalidade. Tamén cabe resaltar que se recolleron 40 donacións de familias que non solicitaron peticións a cambio, nestes casos e nos que a Concellaría recibiu donacións pero non pode cubrir as peticións que fixeron, gratificará ás familias cun lote ou cun vale para a compra dun lote de material escolar por alumno.

Carmen Fouces, concelleira de Benestar, quere agrader a colaboración dos centros educativos que participaron nesta primeira edición do Banco de libros. Foron: CEIP A Carballeira, IES Sánchez Cantón, IES A Xunqueira I, CEP A Xunqueira II, CEIP A Xunqueira I, CEIP Manuel Vidal Portela, CEIP Vilaverde, CEIP Santo André de Xeve, CEIP San Martiño, CEIP Pontesampaio, IES Torrente Ballester, IES Frei Martín Sarmiento.

A Concellaría está a preparar os lotes de libros das peticións que se poden atender. O resto dos libros que aínda están vixentes, e quedan en excedente, ofertaranse aos centros de ensino e as familias, e tamén se colgará a oferta na web de Redeaxuda para poñelos a diposición de quen os precise.

Foron moitas as familias que doaron os libros sen pedir ningún a cambio, nalgúns casos porque van percibir o cheque da Xunta e noutros por simple solidariedade. Á vista dos datos, a Concellaría descubre a mala xestión que a Xunta está a facer cos libros de texto, xa que hai familias que van percibir o cheque para mercar os libros, podendo reutilizarse os dos cursos anteriores. O sistema de préstamo que estaba era máis eficaz, menos despilfarrador, máis educativo e máis solidario.

A Concellaría de Benestar Social Municipal está a traballar para que todos os libros vixentes sexan empregados no curso que vén. Ademais, convida a todos os usaurios a visitar Redeaxuda.com a partir do vindeiro 18 de xullo para coñecer os libros que quedan a disposición.