Máis de 250.000 euros na reforma e mellora da praza de Barcelos

40

O concelleiro de sostemento de espazos públicos, Luís Bará visitou esta mañá os traballos rematados de mellora da praza de Barcelos, en relación ao reasfaltado das prazas de estacionamento en superficie e do cruzamento coa rúa San Antoniño. O concelleiro lembra que estes traballos forman parte dun plan máis amplo de reforma da praza de Barcelos que comezou o pasado ano a raíz da substitución dos pavimentos dos paseos centrais de pedra, e continuou coa mellora do parque infantil, de toda a beirarrúa perimetral da praza e, agora, cos asfaltados da zona de estacionamento. Un investimento que supera os 250.000 euros, aos que hai que sumar outros traballos como a mellora da zona verde do parque ou a creación do areneiro.

Con respecto aos útimos traballos, destaca a pavimentación dos estacionamentos en superficie da parque alta da praza (paralela a Benito Corbal) na que se empregou un asfalto con imitación a lastro. Trátase dunha proba de carácter experimental que de obter bos resultados en relación á sua durabilidade, poderíase estender o seu uso a outras partes da cidade.

Nestes traballos tamén se asfaltou o cruzamento de San Antoniño con Perfecto Feijóo que permitiu acabar cos afundimentos da calzada que provocaban bastantes problemas a peóns e ao tráfico. Este asfaltado realizouse onte, aproveitando a xornada festiva de San Bieito, para minimizar os seus efectos no tráfico e aproveitando o remate do curso escolar.

O concelleiro de Sostemento de espazos públicos, Luís Bará adiantou que quedan pendentes outros traballos na praza de Barcelos como realizar melloras no pavimento de lastro da calzada da praza –na zona de circulación dos vehículos-. Son traballos que se irán acometendo co tempo e en función da disponibilidade orzamentaria.

Outro dos asuntos pendentes na praza de Barcelos é o acondicionamento dos dous quioscos situados na parte central. Son dous establecementos que foron adxudicados á entidade Cogami, xunto á xestión de outros catro quioscos máis na cidade. Cogami xa ten solicitado a licenza de acondicionamento destes quioscos cun proxecto por valor de máis de 6.000 euros.

A previsión é que unha vez realizadas estas obras de acondicionamento e mellora, o quiosco entre en funcionamento nunha zona de grande actividade lúdica, recreativa e comercial.