O alcalde pídelle unha entrevista ao conselleiro de Industria para aclarar o soterramento da alta tensión en Monte Porreiro

72

O concelleiro delegado do sostemento das obras públicas e delegado do barrio de Monte Porreiro, Luís Bará asegurou esta mañá que o Concello non se presentará á convocatoria de subvencións públicas europeas da Consellería de Industria para o soterramento da liña de alta tensión de Monte Porreiro porque o Concello xa cumpriu a súa parte do convenio para esta obra.

Ademais, o alcalde enviou esta mañá unha carta ao conselleiro de Industria a quen lle solicita unha reunión para aclarar a actual situación do convenio e acometer a baixada dos cables e das torretas que son os últimos traballos que faltan e que corresponden á Xunta e a Fenosa, segundo o convenio asinado en 2007.

Luís Bará explicou que en 2007 o Concello de Pontevedra, a Xunta de Galicia e Fenosa asinaron un convenio para o investimento de 1,7 millóns de euros para o soterramento da liña de alta tensión do barrio. Ao Concello competíalle realizar a obra civil (canalizacións e cámaras) por un valor de 649.000 euros.

O concelleiro recoñeceu que por motivos de carácter técnico (problemas xurdidos coa liña ao paso do río Lérez) o Concello contratou e executou os traballos máis tarde do previsto. "Pero a día de hoxe, a obra está practicamente rematada e á espera das directrices de Fenosa para rematala definitivamente", asegurou o concelleiro.

O 10 de outubro de 2010, o Concello propuxo á Xunta de Galicia renegociar os termos do convenio para executar as actuacións pendentes pola administración autonómica e Fenosa, sen obter resposta. Nembargantes, o 13 de marzo de 2011, a Xunta e Fenosa nun acto celebrado no barrio de Monte Porreiro ao que non foi convidado o Concello, asinaron un protocolo para rematar os traballos pendentes por valor de 1.1 millóns de euros.

Sen obter máis información, o Concello recibe unha chamada da Xunta no verán de 2011 para buscar unha solución a este problema. Realizouse unha reunión ao máis alto nivel técnico tanto por parte da Consellería como do Concello (estaba representado pola Intervención municipal, a Secretaría, a Asesoría Xurídica e polos técnicos) na que a Xunta plantexou a Pontevedra concurrir a unha oferta pública de subvencións de fondos europeos para o soterramentos de liñas eléctricas que ía sacar ao longo de 2012.

Naquel momento o Concello, representado por todos os técnicos, xa descartou esta posibilidade porque presentaba varias inseguridades xurídicas ao non poder fragmentarse o obxecto do contrato. De aceptar, o Concello estaría no límite da lei.

Ademais, a convocatoria de subvencións saíu no mes de xuño e rematou hoxe. De ser concedida a axuda, unha garantía so sostida por conversas mantidas entre o Concello e a Xunta, sería do importe máximo que permite a subvención: o 80% do total do custe da obra, é dicir, que Pontevedra debería cargar, cando menos cun 20% do custe da obra que non lle corresponde pagar. Ademais, non existen máis que garantías verbais de que a concesión da axuda sería esa, e tampocou sería posible executar manterialmente a obra dado que tería que saír a concurso público e pasar certos trámites administrativos que suporían que o traballo debería facerse en pouco máis de dous meses, un prazo imposible de executar porque os fondos europeos deben estar xustificados o 15 de novembro, e de non ser así o Concello de Pontevedra debería devolver os cartos.

Ante esta situación, Luís Bará defendeu esta mañá que o Concello quere chegar a un acordo coa Xunta e Fenosa para o soterramento da liña de alta tensión porque supón un gran beneficio para o barrio e por non malgastar os cargos xa invertidos na obra civil (algo máis de 500.000 euros).