O Concello regula a súa achega anual a Amencer a través dun convenio

33

O Concello de Pontevedra e a Asociación Amencer de axuda aos paralíticos cerebrais asinaron esta mañá un convenio de colaboración para que a entidade poida desenvolver actividades no centro de día que teñen no baixo da Residencia da Terceira Idade de Campolongo. Son actividades que axudan a mellorar a capacidade de autonomía destas persoas.

Trátase de dar unha resposta continuada e legalmente estable ás demandas de Amencer que habitualmente estaba á merced das subvencións que se ofrecían polo departamento de Servizos Sociais do Concello. A concelleira de Benestar Social, Carmen Fouces considerou que esta axuda debía ser máis estable pola labor encomiable que está a facer Amencer no seu eido social. Deste modo, a asociación poderá ter unha previsión orzamentaria fixa ao ano, sen estar á espera de coñecer a convocatoria pública de subvencións.