O Concello pide permiso á Xunta para facer obras urxentes de seguranza viaria en Rosalía de Castro

66

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores enviou esta semana unha carta ao conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas solicitando permiso para a execución urxente de obras para mellora da seguranza viaria e accesibilidade na rúa Rosalía de Castro, entre Manuel del Palacio e a Casa do Mar.

Independentemente de que as dúas administracións continúen negociando a reurbanización e cesión da rúa, o alcalde pídelle permiso para que o Concello poida executar estas obras dado que no entorno existe un centro de ensino e o centro de especialidades médicas que supón unha grande afluencia de persoas cada día.

O contido da carta é o seguinte:
 
D.  Agustín Hernández Fernández de Rojas.
Conselleiro da Medio Ambiente Territorio e Infraestruturas.
Xunta de Galicia. Santiago de Compostela.


Estimado Conselleiro:

O 18 de maio do ano no que andamos remitimos escrito polo que se solicitaba desa Consellería autorización para execución urxente de obras de mellora da seguridade vial na estrada de titularidade autonómica PO-548, Pontevedra Marín, solicitude que se cursaba con independencia do inicio das negociacións tendentes á subscrición dun convenio para pautar o proxecto, alcance, financiamento e prazos para a reurbanización completa dos treitos urbanos do referido víal, previos á ulterior transferencia ao Concello.

Nese escrito manifestabámoslle a disposición deste Concello a executar estas obras, por mor do seu carácter urxente e demandado pola cidadanía para a mellora da seguranza viaria e calmado de tráfico, fundamentalmente  nas proximidades do colexio Salvador Moreno e da Casa do Mar de Mollavao e dado que a Xunta non estaba disposta a acometelas.

Na contestación recibida o día 28 de maio pasado, só se nos insta a comunicar a esa Consellería a conformidade ao inicio dos trámites para a transferencia do referido vial, sen que se nos conteste á solicitude de autorización para acometer as amentadas obras urxentes de mellora da seguridade vial.

Xa que logo, reiteramos a solicitude de autorización para a realización das obras urxentes de seguridade viaria consistentes no incremento do número de pasos de peóns na zona, na execución dos pasos sobreelevados, mellora da iluminación e outras que se reflicten no informe e planos elaborados polo Sr. Enxeñeiro Municipal dos que se remite copia. 

Todo isto, sen prexuízo de reiterar a proposta de inicio das negociacións para a reurbanización e posterior transferencia de determinados treitos da devandita infraestrutura viaria.
Pontevedra a  12 de xullo do 2012
O Alcalde.

Asdo.- Miguel Anxo Fernández Lores.