A Concellería de Promoción Económica converterá un edificio municipal en Centro de Iniciativas Empresariais e pon a andar o programa ILES

85

A loita directa contra o paro e a dinamización económica do municipio son os obxectivos de dúas iniciativas impulsadas pola Concellería de Promoción Económica para habilitar un Centro de Iniciativas Empresariais (CIE) no edificio municipal da rúa de Santa Clara, número 4, e poñer en marcha os itinerarios de formación e inserción laboral da nova edición do programa Iniciativa Local de Emprego Social (ILES).
A concelleira Carlota Román lembrou que as competencias sobre políticas activas de emprego corresponden á Consellería de Traballo, pero, lamentablemente, o Goberno galego que preside Núñez Feijoo non se destaca pola súa iniciativa neste campo. Sen embargo, a pesar da carencia de competencias da Administración local, opinou que un Concello da importancia do de Pontevedra está obrigado, diante da crueldade social que estamos a padecer, a impulsar iniciativas, dentro das súas posibilidades.
Román destacou que o edificio da rúa Santa Clara, número 4, foi construído como Centro Municipal de Iniciativas Empresariais, pero tivo escaso uso nesta función e acabou convertido nunha sede administrativa convencional. A concelleira explicou que leva traballando un ano nesta iniciativa e, como resultado, todos os funcionarios adscritos aos servizos de Promoción Económica, Emprego e Turismo están situados xa na Casa da Luz. O Centro de Iniciativas Empresariais, que recibirá o visto bo da Xunta de Goberno Local a próxima semana, estará operativo cara o mes de outubro para acoller aos primeiros emprendedores.
A responsable municipal afirmou que é obrigado poñerse da parte da xente que busca fórmulas para saír adiante, ben porque perdeu o seu traballo e decide emprender, ou porque titulouse hai pouco e ten unha idea na cabeza que sen apoio público sería imposible desenvolver.
Por outra parte, a Xunta de Goberno Local aprobou hoxe as bases para a selección dos beneficiarios dos sete primeiros itinerarios de inserción laboral do proxecto ILES, que botará a andar durante este verán cunha cobertura inicial de 105 prazas. Trátase do programa de reinserción laboral do Concello de Pontevedra que cofinancia o Fondo Social Europeo.
Ofrecerase formación teórica, con prácticas en empresas e servizo de orientación laboral para o fomento da integración a preto de 400 persoas durante os dous próximos anos. Está dirixido a persoas paradas, que teñan necesidade de formarse e que queiran insertarse no mercado laboral.
Román explicou que na última edición do programa, que rematou o ano pasado, acadouse un índice de reinserción laboral próximo ao 54%. Engadiu que se conformaría se desta volta se alcanza a mesma porcentaxe. Hai que destacar este dato, enxalzou Román, porque cursos hai moitos, pero non sei de ningún que poda ofrecer esta porcentaxe de éxito na sinatura de contratos laborais relacionados coa formación realizada.
O ILES ten tamén a particularidade positiva de que inclúe unha beca de formación, que paga o Concello, cun importe de 15 euros por cada día lectivo de asistencia. É dicir, que non só se traballa para reinsertar no mercado laboral, senón que os participantes cobran durante o período de formación.
A selección realízase mediante oferta xenérica ao Servizo Galego de Colocación, pero tamén ofertándoo abertamente ao público interesado para o que, no seu momento, publicaremos os anuncios correspondentes. O prazo de presentación de solicitudes será do 20 de agosto ao 30 de agosto próximos ou entre o 15 de outubro e o 26 de outubro, segundo os itinerarios concretos. Haberá unha preselección inicial en base á puntuación nun baremo contido nas bases. Os preseleccionados terán que pasar unha entrevista persoal para acadar a praza final.


Os primeiros itinerarios que hoxe tamén quedan aprobados son os seguintes:

  • Atención sociosanitaria a persoas maiores dependentes.
  • Promoción turística local e información a persoas maiores.
  • Atención á infancia.
  • Coidador/a de persoas con discapacidade física e/ou psíquica.
  • Atención a persoas en situación de risco ou exclusión social.
  • Lenceiro, lavandeiro e pasador de ferro.
  • Limpador de inmobles.

Cada itinerario ten unha capacidade de 15 persoas. Todos inclúen un total de 365 horas teóricas e prácticas, a excepción do de Limpador de inmobles que dura 335 horas.
A formación teórica darase en horario de mañá e a práctica, nas empresas que se adhiran ao noso Plan de Emprego, fundamentalmente en horario de tarde, aínda que tamén poderán ser matutinas na recta final da formación e, en función dos horarios das empresas.