Asinado o convenio para coordinar as actividades da Concellería de Promoción Económica, Cámara de Comercio, Aempe e AJE

77

O convenio de colaboración entre o Concello de Pontevedra, Cámara de Comercio, Aempe e AJE para coordinar esforzos en materia de formación e asesoramento recibiu hoxe a sinatura do alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, e os presidentes das entidades empresariais. A concelleira de Promoción Económica, Carlota Román, recibiu a felicitación de todos eles por ter impulsado este acordo pioneiro que vai permitir racionalizar o calendario de actividades das institucións implicadas.

O alcalde destacou que a colaboración e unha obriga nos tempos que corren, nos que xa non é posible que cada un traballe pola súa banda. Carlota Román destacou que hoxe materializouse o traballo dun ano de reunións preparatorias. O resultado é un acordo que será beneficioso para as entidades asinantes, pero, sobre todo, para os parados, os emprendedores con ideas e os empresarios que precisen asesoramento.

O convenio establece a obriga de actuar de xeito coordinado e elaborar unha programación conxunta para os cursos de formación de desempregados, activos, emprendedores e calquera outra actividade a prol do emprego. Unha comisión de seguemento, que se reunirá tres veces ao ano será a encargada de facer efectiva esta coordinación.
A concelleira socialista destacou que con este convenio, o Concello e as tres asociacións empresariais anticípanse aos recortes que están por chegar nas convocatorias públicas en materia de formación. Este panorama obríganos a traballar pola empregabilidade unidos e sen competir entre nós mesmos, afirmou Román.
Como destacaron todos os implicados, pasaron os tempos de programar cada un por separado, sen saber o que fan os demais e logo ter que “mover” o teléfono a última hora para garantir unha asistencia mínima ás actividades formativas. A colaboración da Concellería de Promoción Económica vai ser fundamental pola súa capacidade a través do programa ILES e pola súas posibilidades de ofrecer infraestruturas e de difundir as convocatorias dun xeito máis global e efectivo.
Antonio Gómez Rivera destacou que a Cámara entendeu dende o principio a proposta de Carlota Román. Non debe haber competencia entre institucións e asociacións que estamos para o mesmo. Destacou os beneficios que se derivan de que cada asociación coñeza de antemán o que están a facer os demais, para poder facer unha programación conxunta. Pero non só iso, senón que este convenio abre a porta a posibles colaboracións a actividades que organizan os demais.
José María Corujo admitiu que o convenio xa está a dar resultados positivos, mesmo antes da súa sinatura. Os primeiros síntomas son que os dous últimos seminarios organizados por Aempe pasaron a contar con 60 asistentes, en lugar dos 20 habituais.
José Manuel Valenzuela, finalmente, opinou que este acordo significa que Pontevedra está máis unida na loita contra o paro, polo que agradeceu a iniciativa da concelleira.