O Concello acomete obras de mantemento no centro urbano para ter a cidade a punto para as festas

51

O Concello de Pontevedra a través da Concellaría de Sostemento de espazos públicos, inicia nesta semana un plan de obras para poñer á cidade –especialmente os espazos máis concurridos do centro urbano e histórico- a punto para recibir as miles de visitantes durante as festas.

Comezarán este luns, 23 de xullo, co arranxo de pequenas deficiencias na praza de España (basicamente, substitución de lousas rotas). Os traballos iniciaranse diante da Subdelegación do Goberno, polo que o acceso rodado á praza por este punto pecharase ao tráfico. Está previsto que estean rematadas na segunda semana de agosto, para a montaxe do escenario dos grandes concertos da Peregrina.

Estes arranxos realizaraos a empresa que executou os traballos do estacionamento soterrado e da superficie da praza, dado que a obra aínda está en garantía.

Pola súa banda, a brigada municipal de obras realizará diversas reparacións en rúas e prazas do centro urbano, tamén a partir deste luns, 23 de xullo. Será en Michelena, Peregrina, Oliva, San Xosé, García Camba, González Besada… Os traballos consistirán, basicamente, na substitución de lousas das beirarrúas.

Tamén continuarán os traballos de arranxo e mantemento do centro histórico a cargo da empresa concesionaria, E.C. Casas. Está previsto a revisión e substitución de mobiliario urbano, coidado de zonas verdes, reparación de arquetas…