O intenso calendario anual do piragüismo péchase esta fin de semana co Campionato de España de Novas Promesas

50

O encoro do Pontillón do Castro, en Verducido, acolle esta fin de semana o evento piragüístico máis multitudinario do ano. O Campionato de España de Novas Promesas (III Campionato de España por Federacións Autonómicas) congregará en Pontevedra a preto de 650 deportistas en idades infantil e cadete.
O evento foi presentado hoxe polo concelleiro de Deportes, Agustín Fernández, e o presidente da Federación Galega de Piragüismo, Alfredo González Bea. Vén a culminar a ampla programación coordinada entre ambas entidades durante este ano e que incluíu a celebración de catro probas de carácter nacional no encoro pontevedrés.
Na competición desta fin de semana participarán 91 clubs de toda España, dos que 30 son galegos e tres locais. Disputarase en dúas xornadas: sábado de 9.00 a 20.30 horas; e domingo, de 9.00 a 14.00 horas. Celebraranse un total de 151 carreiras que se disputarán sobre a distancia de 1.000 metros nas categorías infantil A, infantil B, cadete A e cadete B en ámbolos dous sexos. As embarcacións serán k-1/c-1 k-2/c-2 e k-4/c-4.
Agustín Fernández destacou que agarda a presencia de máis dun milleiro de persoas en Pontevedra, dado que ao tratarse de piragüistas en idades infantil e cadete, dáse por feito que chegan coas súas familias e/ou acompañantes.
O concelleiro destacou que esta proba é o colofón ao convenio asinado para este ano coa Federación Galega, e que xa permitiu organizar dúas probas da Liga Nacional División de Honor, Hernando Calleja: a Copa de España sénior de 1.000 metros, e a Copa de España sénior de 200 e 500 metros. Tamén houbo oportunidade de acoller a Copa de España de Cadetes Promesas de 1.000 metros. En total, máis de 3.000 persoas, entre deportistas e acompañantes, pasaron por Pontevedra gracias a esta colaboración.
O responsable deportivo municipal anticipou a súa vontade de asinar un novo convenio para o ano próximo, pois, ademais da proxección deportiva de Pontevedra, este tipo de acordos teñen a vertente do apoio indirecto aos clubs locais e galegos, que teñen a oportunidade de afrontar as grandes competicións nacionais sen grandes gastos de desprazamento.
González Bea, que agradeceu repetidamente a colaboración municipal, explicou que non é o mesmo competir en Verducido que ter que programar un longo desprazamento a Bañolas. Na súa opinión, o calendario deste ano traduciuse tamén nun apreciable incremento no número de fichas dos clubs galegos, especialmente dos tres locais que están a traballar a base.