A Concellería de Educación afrontará sete obras nos colexios aproveitando as vacacións de verán

34

Os técnicos da Concellería de Educación están apurando os trámites para acelerar a execución de sete obras que se van realizar durante as vacacións de verán, co obxectivo de minimizar as molestias á comunidade educativa. O importe total das actuacións está moi próximo aos 110.000 euros.
O concelleiro, Agustín Fernández, destaca que o seu departamento programou un total de 23 actuacións de mellora para os colexios durante este ano, pero se seleccionaron estas sete porque, ao incluír algún risco para a seguridade dos escolares, era preferible realizalas durante o parón do verán.
No colexio Xunqueira I xa se están a substituír ás ventás das aulas e a Secretaría no andar baixo, cun custo de 21.000 euros. Complétase así a renovación total da carpintaría exterior dun dos centros máis antigos da rede escolar. A obra está a piques de rematar.
No colexio Manuel Vidal Portela está previsto o arranxo das dúas entradas, cunha limpeza, pintado e substitución de iluminación e elementos deteriorados, cun orzamento de 7.700 euros. Ao tempo realizaranse outros pequenos arranxos no centro, valorados noutros 1.600 euros.
No colexio de Campolongo están en marcha as obras de substitución dos falsos teitos e luminarias no primeiro andar, co que se completa a renovación deste elemento en todo o centro. O orzamento é de 35.964 euros.
No colexio Vilaverde haberá unha mellora integral dos voadizos exteriores que protexen aos escolares das condicións meteorolóxicas. Cambiaranse os materiais de cobertura e pintaranse as estruturas. O orzamento é de 20.000 euros. As obras comezan estes días.
No colexio de Barcelos se restituirá a estrutura saínte que cubría a entrada principal e que foi preciso retirar hai uns meses ao detectarse unha perigosa fenda. O custo da construción da nova viseira alcanza os 6.016 euros. A actuación está, tamén, a piques de comezar.
No Marcos da Portela instalarase unha área de xogo infantil, cun orzamento de 9.013 euros.
Finalmente, no colexio Froébel vaise realizar un traballo de mantemento que consistirá no saneado e limpeza integral dos canalóns e o tellado, que se atopan en pésimas condicións. Preténdese previr os atascos e minimizar as filtracións que padece habitualmente o centro. O custo é de 6.450 euros. A obra comeza tamén estes días e precederá, por tanto, á que a Consellería de Educación ten previsto realizar, xa entrado o mes de setembro.