Obras de mellora en Cobián Roffignac

74

O Concello de Pontevedra inicia mañá o asfaltado da rúa Cobián Roffignac, un traballo necesario para garantir a seguridade na rúa durante o paso da Volta Ciclista a España o vindeiro 29 de agosto, pero tamén para eliminar un afundimento dun servizo na metade da rúa, (antes do cruzamento da rúa Santa Clara con San Bartolomé).

O Concello de Pontevedra aproveitou o verán, as vacacións dos centros de ensino e a necesidade de dar maior seguridade a esta rúa para os ciclistas, para acometer esta obra, polo que a Policía Local recorda que as obras comezarán a primeira hora do martes, 21 de agosto, e está previsto o seu remate para o mércores, 22 de agosto, a última hora da xornada.

Eliminar o citado afundimento da calzada, situado á altura do número 23 da rúa Cobian Roffignac, obriga a pechar ao tráfico o tramo situado entre as rúas Rouco e Santa Clara durante a xornada de mañá e a mañá do mércores (tempo necesario para o fraguado do formigón).

Durante toda a xornada de mañá, o dispositivo de tráfico contempla o acceso a garaxes e servizos á citada rúa dende Benito Corbal, e  saída por Rouco cara a Praza Barcelos (invírtese esta dirección), así como a Santa Clara cara a Padre Amoedo.

A entrada á praza de Barcelos será por rúa Vasco da Ponte (dende Benito Corbal), ou Padre Perfecto Feijoo (dende Padre Gaite).

A saída de praza de Barcelos será por San Antoniño, ben cara Benito Corbal e Loureiro Crespo, ou Casimiro Gómez cara a rúa da Seca ou Loureiro Crespo.

O mércores 22 de agosto péchase ao tráfico a rúa Santa Clara por asfaltado da rúa Padre Amoedo. Permitirase o acceso aos residentes, garaxes e servizos o acceso de entrada e saída (dobre dirección), pola mesma rúa Santa Clara.