Comeza o traslado da parada do autobús dende a avenida de Bos Aires a Uruguai

49

A Concellaría de Patrimonio Histórico, que xestiona Luís Bará, iniciou hoxe as obras para o traslado da parada do autobús das liñas que van a Alba, Lérez e Monte Porreiro, dende a súa actual situación, na avenida de Bos Aires, á zona da avenida de Uruguai, entre o espazo comprendido entre a parcela do Colexio de Arquitectos e a Ponte do Burgo.

A obras consisten na demolición do peche da zona axardinada e a construción dunha beirarrúa de case dous metros de ancho. Executarase en formigón branco seguindo o modelo da zona. A zona de estacionamento de autobuses terá unha lonxitude duns 28 metros, con cabida para dous buses.

Con esta actuación, o Concello responde a unha demanda histórica do comercio da Zona Monumental.

Aproveitando o cambio da parada de autobús, acometerase unha reordenación do estacionamento na zona da avenida de Bos Aires que actualmente ocupa a parada do bus. Está previsto convertila nun espazo de estacionamento de servizos, con parada máxima de 15 minutos. Esta medida busca dar mellores servizos ao comercio da zona e á Praza de Abastos.