O Concello comprométese a manter o uso educativo nos terreos dos colexios Manuel Vidal Portela e Ponte Sampaio

38

O Concello deu hoxe un novo paso cara á desafectación definitiva do dominio público marítimo-terrestre dos colexios de Manuel Vidal Portela, no centro urbano, e Ponte Sampaio. A Xunta de Goberno Local comprometeuse a manter o uso educativo, e de carácter público, dos terreos, cumprindo así un dos requisitos legais presentados dende a Xefatura Provincial de Costas.

O expediente recibiu un último impulso que, segundo o concelleiro de Educación, Agustín Fernández, debería xa ser o último para acadar a desafectación definitiva do dominio público marítimo-terrestre dos dous colexios, tal e como demandan as respectivas comunidades educativas.

A actuación da Xunta de Goberno Local é consecuencia da solicitude da Xefatura Provincial de Costas dun informe no que se certificase o uso actual dos terreos para fins de utilidade pública ou interese social e unha declaración sobre o compromiso de manter o uso futuro. Trátase de dous pasos, explicou Agustín Fernández, que permiten afrontar a recta final e pensamos que só falta a resolución definitiva da Dirección Xeral de Costas do Estado.

O Concello iniciou o expediente o 28 de xuño de 2010 cunha resolución da ex concelleira Margarita Castejón na que se solicitaba a desafectación do dominio público destes dous colexios. A iniciativa era especialmente urxente para o colexio de Ponte Sampaio, pois ao tratarse dunha concesión recente caduca en xaneiro de 2014. No caso do Manuel Vidal Portela, a concesión está vixente ata a data xenérica prevista na Lei de Costas, é dicir, o ano 2018.

A iniciativa municipal non estivo acompañada da necesaria dilixencia por parte da Xunta de Galicia, que tiña que informar a proposta municipal. Un erro no informe autonómico, no que mesturaban e confundían os dous colexios, ralentizou o ritmo dun asunto que xa debería de estar resolto. Agustín Fernández lembrou que esta confusión obrigouno a explicar persoalmente á comunidade educativa de Ponte Sampaio a realidade da situación. Agora, afortunadamente, parece que o obstáculo está superado, concluíu.

UNED

Por outra banda, a Xunta de Goberno Local aprobou o convenio a suscribir coa Deputación Provincial e a UNED para a ampliación das instalacións do Centro Asociado de Pontevedra. Alí, a consecuencia da aplicación do Plan Bolonia, é precisa unha ampliación para a habilitación dunha Aula Magna.

O convenio terá unha duración bianual. Durante este período acometeranse as obras, cun orzamento total de 352.122 euros. O Concello achegará durante estes dous anos un total de 110.000 euros; a UNED, 110.000 euros e a Deputación, 132.122 euros.

SALCEDO

O órgano municipal tamén deu o visto bo á intención da Sociedade Cultural e Deportiva Salcedo de instalar un monolito conmemorativo dos 65 anos da fundación desta entidade. A peza será colocada o próximo 8 de setembro nunha zona próxima ao colexio e o pavillón de Cabanas. Os técnicos municipais colaborarán na elección do emprazamento máis axeitado.

COMUNICACIÓNS

Finalmente, a Xunta de Goberno Local acordou a prórroga, por un ano, do servizo de telecomunicacións (rede trunking) da Policía Local e os Bombeiros. O contrato seguirá a cargo da empresa Taelpo, que xa ven prestando o servizo dende agosto de 2008.

Na actualidade o prezo anual do servizo é de 47.045,01 euros máis IVE. A proposta para esta prórroga é ventaxosa para os intereses municipais, pois é de 43.584,68 euros máis IVE, ou o que é o mesmo, 52.737,46 euros IVE incluído.

O servizo continuará así ata o mes de agosto de 2013.