A carreira popular de Campañó ofrece a inscrición gratuíta a parados e veciños da parroquia

68

Todo listo para a celebración da quinta edición da Carreira Pedestre Popular de Campañó, que se celebra o próximo día 15 de setembro na parroquia pontevedresa. A proba foi presentada hoxe no Concello polo concelleiro de Deportes, Agustín Fernández, acompañado do presidente da Asociación Cultural Deportiva Campañó, Ángel Ucha; o principal patrocinador, Ricardo Tilve, e o director técnico, Elías Domínguez.
O concelleiro destacou que falamos dunha proba cun merecido prestixio, excelentemente organizada e que estase a converter nunha das citas deportivas do ano na cidade. Boa proba disto é que a participación está estimada nunhas 900 persoas, que se reparten entre os 600 deportistas que correrán a carreira absoluta e as 300 que participarán nas probas das categorías inferiores.

Agustín Fernández recoñeceu o acerto e a sensibilidade da organización por facer posible a inscrición gratuíta para todas as persoas que estean en paro. Ademais, animou a organizadores doutros eventos deportivos a seguir o exemplo.
Ricardo Tilve e Ángel Ucha agradeceron a colaboración do Concello, así como dos máis de 60 voluntarios que fan posible o desenvolvemento da proba. Houbo tamén palabras para o resto dos patrocinadores e para os directivos da Cultural.
Elías Domínguez detallou que se mantén o mesmo percorrido dos últimos anos, de 9.650 metros, consistente en tres voltas, e que inclúe a temida e xa moi coñecida “costa do cemiterio”.
A proba divídese nas categorías inferiores (que comezan polos “Chupetes”), que corren pequenas distancias, ata chegar aos junior, que xa se enfrontan á totalidade do trazado.
A inscrición ten un custo de 3 euros máis dous euros para o aluguer do chip (agás propietarios de chip amarelo). Debe formalizarse na plataforma web de Championchip Norte, onde atoparanse os cadros correspondentes para veciños de Campañó, parados e menores. Resaltaron que o prezo é case simbólico e absolutamente necesario para completar o orzamento do evento.
Finalmente, o director técnico animou a todos os deportistas (xa sexan de elite ou afeccionados) a participar. Recalcou que todos terán unha bolsa de agasallo e poderán participar nun sorteo de obsequios e no habitual pincho ao remate da proba. A participación, en si mesma, debe ser o reto, explicou, e tanto mérito teñen os que completan unha volta ao circuíto como os que son quen de facer as tres a ritmo competitivo.