Péchanse os prazos para inscribirse nos comedores escolares e no servizo de almorzos Madruga

71

Os pais interesados en inscribir aos seus fillos/as nos servizos de comedor escolar ou almorzos e que aínda non formalizaran os trámites, deben darse présa. Os prazos rematan na semana que comeza.
O próximo luns, día 3 de setembro, finaliza o prazo para inscribir aos nenos/as no servizo de comedores escolares dos colexios de Pontevedra.
A Concellería de Educación e Fanpa-Pontevedra lembran que o servizo seguirá a ser xestionado pola empresa Serunión.
As persoas interesadas en matricular aos seus fillos/as para o próximo curso deben remitir a ficha debidamente cuberta á empresa no fax 986 454 013 ou ben no enderezo electrónico galicia@serunion.es. O teléfono de atención da empresa é o 607 634 413.
No servizo de comedor mantéñense os mesmos prezos que no curso pasado, que van dende os 13,97 euros/mes para os usuarios que só acoden un día á semana aos 69,83 euros dos nenos/as que comen os cinco días da semana. Fanpa-Pontevedra, a través dos fondos que obtén no convenio asinado coa Concellería de Educación, subvenciona 0,50 euros en cada menú diario.
Actualmente asisten aos 15 comedores escolares habilitados nos colexios pontevedreses un total de 1.080 usuarios, aproximadamente.
No que atinxe ao Plan Madruga, o prazo de inscrición estará aberto ata o 5 de setembro. A ficha de inscrición, para os nenos/as que se matriculan por primeira vez, pode obterse nas oficinas da empresa xestora, Anias, solicitarse no seu enderezo electrónico madruga@anias.es ou baixarse  da propia web da Fanpa www.nontedurmas.org. A ficha, debidamente cuberta, debe entregarse nas oficinas da empresa, na rúa de Echegaray. Máis información no teléfono 986 86 45 98.
O Plan inclúe atención do neno/a, co seu almorzo, media hora antes da entrada ao colexio. No Plan Madruga estiveron inscritos durante o último curso, un total de 262 alumnos.