Agustín Fernández recoñece a traxectoria de Óscar Graña, campión mundial, europeo e español de piragüismo

61

A Concellería de Deportes pagou hoxe unha débeda histórica de gratitude e recoñecemento ao piragüista pontevedrés Óscar Graña Blanco, despois de toda unha carreira deportiva chea de éxitos, entre os que se inclúen os campionatos do Mundo, de Europa e varios de España, na especialidade de canoa C-2 en distancia Maratón.
Graña Blanco, de 36 anos, está en plena preparación e a piques de partir para Roma, onde os próximos días 21 a 23 celebrarase o próximo Campionato de Mundo de Piragüismo. Alí volverá participar co seu compañeiro de sempre, Ramón Ferro, con serias opcións a medalla. Hai uns días, aínda sen acadar o seu pico de forma, a parella quedou subcampioa de España, en proba celebrada en Tui.
O concelleiro de Deportes, Agustín Fernández, admitiu que había unha “débeda de cariño” para un deportista “sorprendentemente pouco recoñecido”. Engadiu que era un “acto de xustiza” poñer en valor os éxitos dun pontevedrés que atesoura nada menos que seis medallas mundiais (un ouro gañado en 2010, tres pratas e dous bronces), un Europeo acadado en 2009 (xunto con tres pratas) e máis de media ducia de Campionatos de España e un bo número de subcampionatos nacionais.
Alfredo Bea, presidente da Federación Galega de Piragüismo, cualificou a Óscar Graña como un deses “grandisimos deportistas” que non acadan o recoñecemento que, merecidamente, obteñen outros, simplemente pola circunstancia de que as súas distancias non son olímpicas. Lembrou que a distancia de 10.000 metros foi olímpica en México, pero dende entón optouse por regatas máis curtas, tendencia que se seguiu tamén en Londres, mesmo ao recortar os 500 metros ata só 200 metros. Algo erróneo, engadiu, porque as distancias de maratón son realmente espectaculares, e, se ben cobren habitualmente 24 ou 25 Km, ten habido probas de preto de 50 Km. Concluíu que un home co currículo de Graña tería obtido, de seguro, varias preseas olímpicas.
Óscar Graña amosouse confiado nas súas posibilidades neste próximo Campionato do Mundo. Avogou por unha carreira lenta, porque a preparación deste ano non está tan avanzada como en outras ocasións.
O piragüista pontevedrés, que nunca fora recibido no Concello ata hoxe, agradeceu o detalle do concelleiro, Agustín Fernández, e dixo que é agradable constatar que a Concellería de Deportes ten en conta os resultados de todos os deportistas pontevedreses. Na recepción fíxoselle entrega do libro “Caras de Pontevedra”.