A Concellería de Promoción Económica proporciona información sobre as axudas do IGAPE aos emprendedores

66

A Concellería de Promoción Económica colabora co Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE) na difusión das axudas que o organismo da Xunta outorga para apoio aos emprendedores.
A concelleira, Carlota Román, acolleu na Casa da Luz unha xornada informativa, dirixida a emprendedores e a persoal de asesorías, sobre a liña de subvencións ReEmprende e a liña de microcréditos ReImaxina. O técnico do IGAPE en Pontevedra Fernando Álvarez, foi o encargado de impartila diante de 55 asistentes.
Carlota Román destacou que nos difíciles tempos que toca vivir é preciso que todo o mundo coñeza ao detalle as axudas públicas dispoñibles. Con independencia de que a concelleira pontevedresa considera que o IGAPE debería xogar un papel moito máis protagonista na loita contra a crise económica e as axudas deberían ser moito máis potentes e accesibles, destaca a oportunidade de facer chegar a información “sobre o que hai” ao maior número de persoas posible. Neste senso, ofreceu a total colaboración da Concellería de Promoción Económica.
Na súa intervención, a concelleira animou a todos os emprendedores pontevedreses a aproveitar, ata o último recuncho das axudas públicas, especialmente as do IGAPE, a ferramenta máis especializada de cantas existen en Galicia para incentivar e fomentar a actividade empresarial.
Sen embargo, Román destaca que sería necesario un compromiso serio de todas as Administracións para sacar adiante, dunha vez por todas, o viveiro de empresas produtivas no polígono do Campiño, para o que o Concello xa cedeu os terreos necesarios á Cámara de Comercio e agarda dende hai máis de catro anos a colaboración económica da Xunta e da Deputación. O viveiro, que abranguería o territorio da demarcación da Cámara, daría cobertura a 25 municipios e tería capacidade para 53 empresas.
Engadiu, finalmente, que o Concello, cos seus propios medios vai poñer en marcha este outono un pequeno viveiro de empresas, dedicado exclusivamente a empresas de servizos, nas oficinas municipais da rúa de Santa Clara.
Durante a xornada informativa de hoxe ofreceuse tamén información sobre o boletín municipal PonteEmprego, no que se recompila información de toda a provincia sobre ofertas de emprego, formación e becas. O boletín é consultado mensualmente por 74.000 persoas.