Os puntos de información turística municipal atenderon durante o mes de agosto a preto de 20.000 persoas

75

O mes de agosto pechouse nos tres puntos de información turística municipal (Casa da Luz, praza de España e estación Vialia) con cifras case idénticas ás do mesmo período do ano pasado. En total foron 19.232 as persoas que reclamaron información na rede.
A concelleira de Turismo, Carlota Román, considera que as cifras son moderadamente satisfactorias, tendo en conta o impacto da crise económica e as malas perspectivas xerais que había para todo o ano. Ao tempo, destaca que durante os meses de xullo e agosto, o número de turistas aloxados en Pontevedra foi superior á do resto de destinos dende os que, tradicionalmente, se visita a cidade. Outro dato moi positivo das estatísticas, en opinión de Román, é o claro predominio do aloxamento en hoteis sobre as outras fórmulas de pernocta.
A Concellería de Turismo considera que o impacto das festas da Peregrina, xunto con outros eventos impulsados directamente dende o Concello, como a Volta Ciclista a España, poden gardar relación directa con estas cifras. Hai que lembrar que, ademais de persoal de apoio vinculado á proba deportiva, catro equipos pernoctaron durante varios días en hoteis pontevedreses durante a proba ciclista: Cofidis, AG2R-La Mondiale, Andalucía e Movistar.
As cifras finais de visitas aos puntos municipais de información turística supuxeron un lixeiro descenso, de tan só o 0,17%, con respecto a agosto de 2011. De feito, houbo un incremento do 0,34% no turismo nacional, pero un retroceso do 3,02% no turismo internacional. Carlota Román constata que todos os esforzos de promoción turística da cidade estanse a dirixir cara o turismo interior e mesmo ao Norte de Portugal. Esta estratexia parece claramente referendada polas estatísticas de procedencia dos visitantes deste verán.
A media diaria de de visitantes na Casa da Luz, praza de España e Vialia foi de 641. Ademais, algo máis de 2.500 veciños da cidade de Pontevedra pasaron a recoller o programa de festas, información sobre a Volta Ciclista e a Feira Franca ou a facer algún tipo de consulta relacionada con puntos para visitar da cidade ou arredores.
O turismo nacional segue sendo o principal visitante, con case un 85% da cota, mentres que o turismo internacional chega ao 15% do total.  Os principais turistas estranxeiros foron os portugueses con case un 30% da cota. En segundo lugar están os franceses, que aumentaron ata chegar a un 16%. En terceiro lugar, quedaron os alemáns, cun 11%.
Dentro do turismo nacional, a maior afluencia procedeu de Madrid cun 20% dos nacionais, seguido do visitante procedente de Andalucía (20%). Cataláns e valencianos foron os seguintes cun 11% e un 9%, respectivamente.
O 22% dos turistas que visitaron os puntos de información de Pontevedra estaban aloxados na propia cidade de Pontevedra. Sanxenxo acadou o 19% dos visitantes. O 15% chegaron dende a zona Sur da provincia: Cangas, Vigo, Baiona, etcétera. O 66% dos turistas estaban aloxados en hoteis; se ben, o aloxamento en casa de familiares e/ou amigos gañou cota alcanzando un 7%. O turismo rural representa o 8%.
Os turistas entre 46 e 60 anos e 31 e 45 anos ocupan os primeiros postos do campo rango de idade, cunha cota do 32% e 31% respectivamente. A maior parte destes turistas viñan cos fillos.
O 60% dos turistas chegaron co seu propio automóbil. Os turistas dos grupos que chegan en autocar foron un 22%. En avión viaxou un 10%.
O principal motivo dos visitantes é gozar da natureza e o patrimonio, xunto con outros como degustar a gastronomía galega ou visitar a familiares e/ou amigos.
O 86% dos visitantes non coñecían aínda a cidade de Pontevedra, se ben, estes turistas quedaron moi sorprendidos co centro histórico e moitos deles teñen pensado volver a visitarnos. Case o 14% dos turistas repite visita.
Un total de 661 persoas participaron nas visitas guiadas polo centro histórico neste mes, que saíron en dúas quendas, pola maña e pola tarde. O 26% dos turistas que participaron nas visitas guiadas procedían da comunidade de Madrid, os procedentes de Andalucía foron case o 14 % e os valencianos o 13%. Tamén turistas estranxeiros participaron nas visitas guiadas, un 3%, procedentes de países como Portugal, Francia, Alemaña ou Arxentina.
A información demandada foi variada, pero destaca a información relativa á cidade de Pontevedra e arredores como Combarro, a zona do Salnés ou a cidade de Vigo. Tamén foi moi solicitada información relativa ao Museo de Pontevedra, ao Parque Arqueolóxico de Campo Lameiro e o Parque Nacional das Illas Atlánticas.