A Concellería de Deportes recoñece os éxitos deportivos do nadador Anxo Martínez

46

Anxo Martínez, un nadador de 17 anos, é o último na escolma de deportistas pontevedreses que están a ser recibidos polo concelleiro, Agustín Fernández, en recoñecemento aos seus éxitos internacionais.
Martínez, estudante de Bacharelato no instituto pontevedrés Frei Martín Sarmiento, pertence ao club SAPO. Nas últimas semanas participou no Campionato de Europa de Salvamento e Socorrismo, celebrado na localidade sueca de Jonkoping. Alí obtivo a medalla de ouro na proba de tubo con rescate e dous bronces como membro dos equipos masculino e mixto de España. Tamén participou noutras probas, nas que diversas circunstancias impediron que o balanzo resultase aínda máis positivo.
O nadador do SAPO volve satisfeito de Suecia, pero aínda así amosa certa dose de inconformismo ao admitir que a competición non saíu todo o ben que lle tería gustado.
Agustín Fernández considerou “de xustiza” poñer en valor os fitos acadados por Anxo Martínez, quen xa no anterior Europeo de Copenhage (no ano 2011) conseguiu varias preseas.
Durante a recepción, na que o deportista foi obsequiado co último libro de Xosé Fortes sobre a Historia de Pontevedra, quedaron de manifesto as dificultades para competir nunha especialidade moi descoñecida en España, pero que goza de grande popularidade en países como Estados Unidos, Australia, Brasil ou Italia.