Terras de Pontevedra creará novos produtos dirixidos a cruceiristas, amantes do patrimonio e da gastronomía

49

Poñer en marcha novos produtos turísticos dirixidos a sectores concretos é un dos obxectivos principais da mancomunidade Terras de Pontevedra de aquí a final de ano. Apostarase pola singularidade da comarca para crear produtos turísticos fortemente relacionados co territorio como fórmula de competitividade.
Esta estratexia constitúe o principal elemento do Plan de Actuación 2012 que esta tarde foi sometido ao Pleno da Mancomunidade Terras de Pontevedra, presidido polo alcalde pontevedrés, Miguel Anxo Fernández Lores, e ao que asistiron os representantes do resto dos concellos integrantes: Marín, Poio, Ponte Caldelas, Vilaboa, Cotobade e Campo Lameiro. O Plan foi elaborado baixo a dirección da empresa municipal “Turismo de Pontevedra”, que dirixe Carlota Román, no marco da encomenda de xestión realizada á entidade pontevedresa dende a mancomunidade. Nos próximos días deberá aínda ser referendado pola comisión de seguimento do convenio asinado coa Secretaría Xeral de Turismo da Xunta de Galicia, cun investimento total de 145.000 euros.
Os novos produtos, que serán presentados nos próximos meses, serán ofrecidos a axencias e comercializadores en xeral, tanto xerais como Online. A captación do turismo de cruceiristas que arriban ao porto de Vigo, potenciación das rutas gastronómicas, coñecemento do patrimonio histórico e do arte rupestre, rutas especializadas para persoas con mobilidade reducida e opcións de turismo familiar son os principais eixes de traballo.
O Plan aprobado estima que o crecente número de cruceiros que chegan a Vigo, especialmente entre xullo e outubro, abre portas á potenciación da cidade de Pontevedra. Tradicionalmente, estes turistas aproveitan para facer excursións por Vigo, Santiago e Baiona, maioritariamente. Pontevedra pretende facer promoción entre as principais consignatarias que xestionan os cruceiros e tamén promoción directa aos propios turistas. Estase a pensar nun paquete que inclúa tren, visita ao Centro Histórico e a outros fitos da comarca. Poderá incluír tamén alternativas como visitas a adegas e/ou a museos.
Con respecto ao turismo gastronómico, elaboraranse paquetes que permitan dar a coñecer a riqueza marisqueira e gastronómica. As lonxas e mercados, como elementos integrantes desa cultura gastronómica, formarán parte das opcións, xunto con visitas a vilas mariñeiras, á Denominación de Orixe Rías Baixas e adegas.
A aposta polo patrimonio e o arte rupestre pasará polos escaparates do Centro Histórico da cidade, a súa riqueza arquitectónica e etnográfica, os novos sitios museísticos como o CITA ou o Campiño, pero terá como epicentro o arte rupestre. A bisbarra pontevedresa atesoura importantes referencias en Campo Lameiro, Ponte Caldelas, Marín, Vilaboa, Poio… o que permite unha promoción conxunta. O paquete deberá complementarse con ofertas de lecer como obxectivo para fixar as pernoctas.
No apartado de turismo para as persoas con mobilidade reducida, a estratexia turística persigue a posibilidade de organizar visitas guiadas a diversos recursos culturais e naturais de toda a bisbarra seguindo recorridos accesibles. Para elo haberá que facer un estudo pormenorizado. O paquete deberá dirixirse e comercializarse especificamente entre asociacións, colectivos e mesmo Administracións.
Finalmente, no apartado de turismo familiar trátase de potenciar unhas das fortalezas de Pontevedra e comarca, que aparecen reflectidas de seguido nas estatísticas municipais sobre visitas aos puntos de información. Ademais, o turismo familiar é un dos perfís máis buscados por todos os destinos, na medida en que requiren dunha oferta global e son dos que máis gasto deixan. Igualmente, os estudos indican que son un segmento especialmente importante no contexto da crise económica, toda vez que máis do 30% do turismo que chega a Galicia é interior, é dicir, procedente da propia comunidade autónoma.