A Concellería de Promoción Económica organizará unha “Feira do Emprego”e porá en marcha un viveiro de empresas

56

A comisión de seguimento do convenio asinado entre a Concellería de Promoción Económica, Cámara de Comercio, Asociación de Empresarios para a Pequena e Mediana Empresa (Aempe) e Asociación de Jóvenes Empresarios (AJE) celebrou hoxe a súa primeira reunión despois da sinatura do acordo o pasado mes de xuño.
Durante a xuntanza, presidida pola concelleira Carlota Román e con asistencia dos presidentes e técnicos das entidades empresariais locais, acordouse estreitar ao máximo a colaboración na organización de actividades dirixidas a emprendedores e/ou á formación laboral. Nas próximas semanas elaborarase un calendario conxunto para evitar duplicidades e coordinar as datas.
Algunhas das actividades celebradas nas últimas semanas xa se están a beneficiar deste convenio, pois estase a notar un substancial incremento na asistencia.
Carlota Román anticipou a programación da Concellería de Promoción Económica para o que queda de ano. Despois de celebrar esta mesma semana unha xornada informativa sobre as axudas do IGAPE, Román ten en carteira un seminario sobre “Avaliación de ideas empresariais”, que se celebrará durante os días 19, 21 e 25 deste mes de setembro.
Por outra banda, os cursos do plan de formación Iniciativa Local de Emprego Social (ILES) comezan este luns cos catro primeiros itinerarios: Promoción turística local, Atención á infancia, Atención a persoas en risco de exclusión social e, finalmente, Lenceiro-lavandeiro e pasador de ferro. Cada un terá 15 persoas.
A principios de novembro, a Concellería organizará a “Feira do Emprego”, un pequeno congreso no que durante día e medio ofreceranse conferencias e obradoiros sobre busca de emprego, perfís demandados sobre as empresas, “emprego 2.0”, “branding”, redes sociais, entrevistas de traballo, “coaching”…
Carlota Román deu conta do continuo asesoramento da Concellería a emprendedores de cara á cualificación como Iniciativa Local de Emprego, que este ano xa significou o apoio ao proxecto empresarial no eido da comunicación “Ponte.tv”.
Finalmente, anticipou que na recta final do ano porase en marcha o Centro de Iniciativas Empresariais no edificio municipal da rúa de Santa Clara, número 4. O “viveiro” acollerá empresas de nova ou recente creación para que dean os seus primeiros pasos no mercado. Estará dotado con seis espazos.