A praza da Peregrina acolle este sábado o espectáculo da esgrima

44

Os amantes do deporte teñen outra cita máis nesta intensa fin de semana en Pontevedra. A esgrima, un deporte sempre atractivo para o público, será protagonista na praza da Peregrina. O concelleiro de Deportes, Agustín Fernández, presentou hoxe o I Torneo Masters de Esgrima de Galicia, que organiza coa colaboración do Club Escola Hungaresa de Esgrima-Pontevedra e se celebra este sábado, día 8.
Fernández cualificou a fin de semana como un auténtico “overbooking” deportivo gracias ao partido da Selección Española e o Campionato de España de Triatlón. O concelleiro destacou as satisfaccións que a esgrima está a proporcionar ao deporte pontevedrés a través dos sucesivos campionatos de España que se están acadando en categorías inferiores e mesmo absolutas, froito do bo traballo que se está a facer dende a base.
O torneo comezará ás 17 horas cun torneo histórico de espada longa (medieval). Unha especialidade na que o club pontevedrés leva traballando dende hai un ano e que goza de gran aceptación en toda Galicia. Por este motivo, a exhibición foi moi ben acollida e participarán tiradores de Pontevedra, Vigo, Santiago e A Coruña.
Ás 19 horas comeza o torneo propiamente deportivo en especialidades olímpicas. Os campións galegos enfrontaranse aos números 1 do ranking nas especialidades de espada, florete e sable, tanto en categoría masculina como feminina e todas as idades. Serán combates únicos, a modo de final, e a 15 tocados.
Adrián Cubela, director técnico do Club Escola Hungaresa de Esgrima-Pontevedra, recalcou a  satisfacción de poder realizar este torneo nun marco como a praza da Peregrina, que por si só “viste” a competición. Instalarase unha pista de 14 metros de longo por metro e medio de ancho e os tocados poderanse apreciar polo sistema electrónico.
O concelleiro de Deportes anticipou que está moi satisfeito de poder ofrecer este espectáculo en pleno centro da cidade e fixo votos para que sexa un éxito de público e poida consolidarse de cara a anos próximos.