Máis dun millón de euros en obras urbanas que se farán neste último trimestre do ano

80

O concelleiro Luís Bará responsable do mantemento dos espazos urbanos fixo repaso esta mañá, con motivo do inicio do novo curso político, das obras urbanas que xestiona dende o seu departamento: a mellora da seguridade viaria e eliminación de barreiras na rotonda da ponte dos Tirantes; a parada de bus da avenida de Uruguai, a reposición da ponte peonil do paseo de Domingo Fontán ou a reforma da contorna da Ferraría, foron algúns dos temas que abordou. As obras que están en marcha ou se iniciarán neste último trimestre do ano están valoradas en máis dun millón de euros en total.

Sobre a mellora da seguridade viaria e da accesibilidade na entrada da Ponte dos Tirantes permitirá a reorganización de tráfico na zona procedente de Monte Porreiro, cunha entrada directa na rotonda da ponte, ademais da instalación de pasos de peóns elevados nos distintos cruzamentos da rotonda. Tamén está previsto a continuidade do carril-bici ao eliminar un carril de tráfico de saída da ponte. O orzamento desta reforma é de 209.739 euros.

Na vindeira semana rematarán os traballos de traslado da parada de autobús na avenida de Uruguai, que se está a executar na actualidade. Existe a proposta de habilitar a parada que quedará valeira como zona de estacionamento rotatorio de 15 minutos.

Outra das obras que abordou o concelleiro foi a obra de construción da ponte peonil do paseo da avenida de Domingo Fontán. A ponte de madeira atópase na actualidade pechada ao paso peonil, polo que se reformará cun proxecto de 43.671 euros e coa instalación de vigas prefabricadas de formigón e pavimento de formigón. Tamén se recuperará a beirarrúa que está deteriorada.

A reforma das rúas perimetrais da praza da Ferraría está pendente da autorización de Patrimonio da Xunta, pero poderá ter un comezo inminente.

Sobre a cubrición da praza de Valentín García Escudero, Luís Bará explicou que está en conversas cos distintos departamentos da Xunta que levan as autorizacións para intervir na parcela (Patrimonio provincial, Dirección Xeral de Patrimonio e o Camiño de Santiago), pero confía en iniciar as obras neste último trimestre do ano cun investimento inicial de 200.000 euros, nos que se atopan os traballos de restauración, arqueoloxía, rexistro dixital… que os asumirá o Concello ao eliminar o Ministerio de Cultura a subvención que tiña concedida para facer estes traballos en Valentín García Escudero.

O repaso das obras urbanas rematou co proceso de  adxudicación das obras de acondicionamento do local social do barrio da Parda, que estará rematado neste mes e poderán iniciar as obras o vindeiro mes. Así como a licitación do acondicionamento do Local social do barrio do Burgo que se atopará nun local de 300 metros cadrados na grada sur do campo de Pasarón.