Mañá abre ao tráfico a rúa Santa Margarida

70

Ao longo da xornada de mañá volverá a abrir ao tráfico a ponte da rúa Santa Margarida que foi pechada a mediados do mes de xullo para acometer as obras do tren do Eixo Atlántico ao seu paso pola cidade. A empresa comunicou ao Concello e á Policía Local a intención de abrir o paso pola ponte nunha hora aínda indeterminada da xornada de mañá, cumprindo o prazo dado inicialmente de rematar os traballos antes do inicio do curso escolar.

O Concello tamén advertira á empresa a necesidade de cumprir ese prazo dado que a partires da vindeira semana intensifícase sensiblemente a afluencia de tráfico á cidade por mor dos centros escolares. Durante o verán o tráfico redúcese considerablemente, polo que o Concello estimou menos prexudicial o peche durante os meses de xullo e agosto.

O Concello tamén anunciara que estaría vixiante ante o cumprimento dos prazos asumidos pola empresa adxudicataria das obras do tren.