Xa te podes inscribir nas Escolas Deportivas Municipais dende o mércores 12 de outubro

68

Un ano máis, as Escolas Deportivas Municipais póñense en marcha da man de distintos clubs da cidade de Pontevedra en colaboración coa Concellaría de Deportes cun investimento de 126.000 euros. O obxectivo destas escolas é promocionar o deporte entre a poboación en idade escolar para crear ou consolidar novos hábitos que contribúan á mellora da calidade de vida dos nenos, e inicialos na práctica polideportiva encamiñada a unha posterior especialización.
Chegadas estas datas e coincidindo co inicio do curso escolar, o Instituto Municipal de Deportes pon a disposición das entidades deportivas do concello recursos económicos e infraestruturas necesarias para iniciar aos nenos entre 4 e 14 anos en distintas modalidades deportivas como parte da súa educación integral.
Dende hoxe estará aberto o prazo de inscrición nas Escolas Deportivas Municipais. E a súa actividade comezará o luns, 1 de outubro.
O concelleiro de Deportes, Agustín Fernández, destaca que as Escolas son a punta de lanza da política deportiva municipal, na medida en que expresan dun xeito claro o apoio ao deporte base e proporcionan aos clubs unha “canteira” de calidade coa que alimentar aos equipos nas súas sucesivas categorías. Unha fórmula, engade o concelleiro, que, ademais do beneficio social que proporciona, é obrigada en tempos de crise.
Fernández destacou que a política deportiva municipal terá sempre no apoio aos clubs e ao deporte base o seu principal referente. Se as restricións orzamentarias obrigan a facer recortes, faranse de xeito preferente no capítulo destinado á organización de grandes eventos deportivos.
Os rapaces interesados en inscribirse nas Escolas Deportivas desta temporada poderán escoller entre unha ampla oferta deportiva. Son 16 as disciplinas deportivas: Atletismo, Educación Física de Base, Baloncesto, Balonmán, Fútbol, Fútbol Sala, Judo, Ximnasia Artística e Trampolín, Ximnasia Rítmica e Acrobática, Tenis, Tenis de Mesa, Loita olímpica, Voleibol, Xadrez, Triatlón e Rugby.
A organización das Escolas corre a cargo de 25 asociacións deportivas do noso Concello, especialistas cada unha delas na modalidade deportiva que desenvolven:  

Baloncesto    Estudiantes de Pontevedra     Arxil

Atletismo e educación física de base    Sociedade Gimnástica

Fútbol masculino    A. Juvenil de Lérez     Fundación Pontetec     Portero 2000     Salgueiriños     S.C.D. Salcedo     S.D. Monte Porreiro

Ximnasia artística    Treboada     Ximnasia Pontevedra

Ximnasia rítmica    Treboada     Ximnasia Pontevedra  Judo    Judo Club Pontevedra

Tenis    Club de Tenis de Pontevedra

Tenis de Mesa    C. Tenis de Mesa Monte Porreiro

Balonmán    Teucro     Cisne

Fútbol sala mascul./fem.    Leis 26     CDAR Xeve

Rugbi    C. Mareantes     Rugby Club Pontevedra

Loita    Loita Pontevedra

Voleibol    C. Voleibol Pontevedra

Xadrez    Escola Xadrez Pontevedra

Ofértanse 1.800 prazas en todas as modalidades e o prezo de inscrición é de 45 euros/anuais por neno en cada unha das escolas que participe. As inscricións deberanse realizar no Pabillón Municipal de Deportes (Instituto Municipal de Deportes-IMD), dende o mércores 12 de setembro no seguinte horario:  09.00-13.00 horas ou de 16.30 a 20.00 horas, de luns a venres.
Para máis información pódese chamar, no citado horario, ao número 986 87 20 13 ou mediante o correo electrónico a dirección imd@pontevedra.eu.