Carlota Román anima aos 60 primeiros alumnos do ILES a aproveitar ao máximo o plan municipal de formación

85

A visita da concelleira de Promoción Económica, Carlota Román, acompañada do equipo directivo, serviu esta mañá para botar a andar os catro primeiros itinerarios de formación e inserción laboral do programa municipal “Iniciativa Local de Emprego Social” (ILES). A inauguración, que tivo un ton informal, coincidiu, de feito, cos módulos de dinámica de grupos, igualdade de oportunidades e medio ambiente cos que se inician todos os cursiños co obxectivo de “romper o xeo” e dar pé aos contidos formais de cada curso.
Carlota Román animou aos 60 participantes destes catro primeiros itinerarios a aproveitar ao máximo a oportunidade que supón o ILES. “Cursos hai moitos, pero non todos poden presumir de ter proporcionado contratos de traballo ao 54% dos seus participantes”, recalcou antes de lembrar que o programa finánciase coas achegas comprometidas polo Fondo Social Europeo, o Ministerio de Política Territorial e Administración Pública do anterior Goberno español e o Concello de Pontevedra.
A concelleira lembrou que as políticas activas de emprego non son competencia municipal, pero o Concello non podía quedar de brazos cruzados diante do drama social das cifras do desemprego. Lamentou que aínda non se sabe se ao remate deste programa volverá a haber financiamento europeo e do Goberno de España, polo que cómpre tirar o máximo partido desta convocatoria.
Na súa opinión, a clave do éxito do ILES está nunha rigorosa busca dos perfís máis axeitados, na calidade da formación e no acento nas prácticas. “Buscamos xente motivada para formala e empresas responsables nas que podan completar a súa aprendizaxe e, se é posible, quedar a traballar”, explicou.
Outro dos índices que acreditan a ILES son as puntuacións de satisfacción dos seus usuarios. Así, nas enquisas realizadas, sobre un máximo de 5 puntos, a puntuación media na última edición foi de 4,7.
Finalmente, a concelleira de Promoción Económica puxo de releve a capacitación do cadro directivo. O equipo está formado polo director, tres orientadoras laborais, dúas técnicos en creación de empresas e unha administrativa.
Os cursos que hoxe botaron a andar son os de Atención á Infancia, Atención a persoas en risco de exclusión social, Lenceiro-lavandeiro-pasador de ferro e Información Turística. Cada un deles acolle a 15 persoas e ten unha duración de 365 horas (200 teóricas, 150 prácticas e 15 complementarias). Esta primeira quenda rematará o 28 de decembro e solaparase coa seguinte convocatoria, que sairá cara a mediados deste mes.
O proxecto ILES parte cun orzamento global de 1.363.624 euros. O Ministerio de Política Territorial e Administración Pública e o Fondo Social Europeo achegaron unha subvención de 1.090.899 euros. O programa estará operativo ata o próximo ano 2013. Nesta nova andaina formarase e tentarase insertar laboralmente a 390 persoas.