A Concellería de Benestar Social e Muller presenta unha campaña do 25-N pensando nos máis novos

65

Este ano non haberá lemas. Nin carteis. A campaña municipal con motivo do 25 de novembro, Día contra a Violencia de Xénero, nin sequera se concentra na formalidade dese día concreto. De feito ten comezado xa.
A concelleira de Benestar Social, Carme Fouces, presentou hoxe os fíos condutores dunha iniciativa que, segundo confesou, “mesmo resulta difícil de explicar porque é complexa”. Pero unha cousa está ben clara: a campaña diríxese ás capas de poboación máis nova e pretende facer impacto, fundamentalmente, nos menores de 25 anos.
Todo comezou hai algunhas semanas con motivo do certame “15 bolos”, que recompilou varias actuacións musicais dos grupos pontevedreses que asisten ao Local municipal de Ensaio. No propio certame repartíronse unhas camisetas que, seguindo o espírito da campaña, non inclúen mensaxe algunha. Tan só un código QR, lexible con dispositivos móbiles, que fai saltar un “spot” de vídeo elaborado pola Concellería. Un código reforzado cunha única imaxe, en branco e negro, da actriz protagonista.
O spot válese do contexto estético do mundo da moda, para ao final, facer un xiro e apoiarse, con toda a intención, na frase “Todo comeza cunha elección”, tirada da primeira película da saga Crepúsculo.
Ao tempo, a Concellería de Benestar Social, está a traballar na elaboración dunha unidade didáctica destinada aos centros de Ensino Secundario do municipio. Estará dispoñible en outubro, con moito adianto sobre o 25-N. No seu deseño mesmo se está a ter en conta a situación “delicada” que se está a vivir o Ensino público. Por este motivo, o material é susceptible de seren utilizado polo profesorado nun só día, coincidindo coa efeméride, pero permite tamén un traballo máis exhaustivo dun par de días, ou mesmo todo un módulo de catro ou cinco días de actividade.
Para remataren esta singular campaña, a Concellería está a elaborar un documental. A gravación xa comezou co reparto das camisetas e rematará coa entrega da unidade didáctica. Como, ao tempo hai unha forte aposta polo mundo 2.0, recollerá tamén os comentarios que se están a facer en distintas plataformas e redes sociais, como por exemplo Twitter, onde está operativo o hashtag #tipodesparalo.
En suma, unha campaña pensada por e para os máis novos; pensada tamén en clave local, pero na que latexa o intento de transcender a través da Rede e chegar ata onde sexa posible.