O alcalde lidera un movemento social de repulsa ás políticas de recortes como receita única para saír da crise

83

Un encontro cos axentes sociais, celebrado hoxe na Casa das Campás, pretende ser un primeiro paso na busca dun consenso social amplo que permita expresar o rexeitamento contra as políticas de recortes e austeridade como fórmula única para loitar contra a crise económica. Varias decenas de persoas representativas de distintos sectores da cidade asistiron ao chamado do alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, no intento de buscar saídas.

Fernández Lores deixou claro o seu malestar diante da implementación dunhas políticas inxustas e insolidarias, que fan recaer o custo da crise sobre as capas máis desfavorecidas da poboación, mentres as perdas do gran capital e dos bancos se socializan.

O alcalde expresou o seu descontento polo círculo vicioso recortes-crise, estendeuse sobre os perniciosos efectos que está a sufrir unha cidade de servizos como Pontevedra, nas que os sectores público e comercial padecen especialmente, e adiantou a súa vontade de poñerse ao servizo de cantos queiran canalizar o seu descontento coas fórmulas que sexa.

Finalmente, tras unha intensa quenda de debate acordouse iniciar un proceso de cara á elaboración dun Manifesto que recollerá a preocupación existente en Pontevedra diante da crise económica e a disconformidade diante do xeito de abordala.