Pontevedra postúlase como destino para o turismo de negocios

54

Máis de 250 euros de gasto diario é o que deixa de media un profesional que asiste a un congreso. Se cada evento atrae a unhas 300 persoas e dura polo menos 2 días, facémonos unha idea da importancia que ten o que unha cidade sexa a sede dun gran encontro de médicos, economistas ou expertos da industria farmacéutica.

A Concellería de Turismo, que dirixe a socialista Carlota Román, elaborou un exhaustivo plan de promoción de Pontevedra para situala no mercado chamado MICE (siglas en inglés do subsector Meetings, Incentives, Congresses and Exhibitions). Un plan do que nos pasados meses xa fomos coñecendo parte das súas actuacións, coas reunións mantidas coa directora xeral do Spain Convention Bureau ou a vicepresidenta da asociación nacional de organizadores de congresos (OPC España), ou as visitas de revistas especializadas do sector como Meet In.

Durante a presentación deste plan, que a concelleira aproveitou tamén como clase práctica para os 15 alumnos/as do módulo de turismo do programa de formación e inserción laboral ILES, destacouse que a celebración dun congreso non só leva o uso do Pazo de Congresos, de hoteis e restaurantes, senón que un bo número de empresas de todo tipo son necesarias para que un evento deste tipo sexa un éxito: firmas de azafatas, autobuses, audiovisuais, empresas de comunicación, etcétera. De aí a aposta da Concellería por este mercado. De seren quen de captar catro ou cinco congresos medios e varios eventos de menor formato, como convencións ou viaxes de incentivo de grupos empresariais, a cidade pode obter un retorno económico estimado nuns dous millóns de euros anuais.

Entre os obxectivos deste plan integral destaca o obxectivo de atraer congresos e incentivos que teñan Pontevedra como sede, pero hai moito máis detrás. Así, búscase situar á cidade ante os principais profesionais do sector (os chamados OPC) e ante as máis importantes asociacións de médicos, economistas, laboratorios, farmacéuticas… Ademais, búscase liderar a promoción ante outras entidades turísticas, como Turgalicia,  Spain Convention Bureau ou Asehospo (cos que xa se mantiveron reunións).

Finalmente, outro gran obxectivo é o de captar a atención dos medios especializados neste mercado, que son ao final grandes prescritores de destinos.

Os catro grandes apartados como a participación en feiras (acudirase ao MITM de Granada, á WTM de Londres ou á EIBTM de Barcelona, a máis importante de Europa en canto ao mundo MICE), a organización de Famtrips para organizadores nacionais de congresos (Grupo Pacífico, Ultramar, etc.) ou sociedades profesionais como a SEMG (médicos de familia), Presstrips de revistas especializadas e finalmente, colaboración con grandes entidades de promoción, non terían sentido, en palabras de Carlota Román, se o sector non se implica.

O Concello quere situar a Pontevedra, pero para iso hoteis, axencias, restaurantes, cattering, etc. teñen que unirse e ir da man a captar os congresos, presentar candidaturas e convencer ás sociedades e asociacións profesionais de que Pontevedra é o lugar perfecto, afirma a edil de Turismo.

De aí a gran ferramenta que a Concellería porá en marcha nos próximos meses: unha Oficina de Congresos, que aglutinará tanto a oferta como a demanda de información, xunto co asesoramento á hora de organizar eventos congresuais. Unha oficina que dependerá de Turismo, pero que desexa contar coa presenza de todas as entidades e o sector privado, dende a Cámara de Comercio ao Pazo de Congresos, pasando por Novagalicia Banco, así como cos profesionais da cidade, empezando por hoteis, axencias e restaurantes. Trátase dunha estrutura habitual en España, pois son máis de 50 as cidades que xa contan con ela. A idea é  montala sen incorporar novos medios humanos ou físicos, pois a intención é coordinar os recursos existentes.
Entre as súas funcións estarán as de aglutinar a todos os sectores relacionados cos congresos (instalacións, hoteis, OPC, restauración, azafatas, audiovisuais…), preparar as candidaturas de Pontevedra, participar activamente nas institucións e entidades de promoción turística, coordinar as necesidades técnicas dos organizadores de congresos e promocionar a cidade nos foros nacionais de turismo MICE. En suma, unha nova forma de relacionarse co exterior para ofrecer unha imaxe de máxima seriedade e profesionalidade.