Os colexios de Pontevedra comezan o curso escolar con todas as obras do Concello rematadas

53

O curso escolar comezou hoxe con total normalidade en Pontevedra. A falta de datos oficiais (a Consellería non os proporcionou ao Concello) estímase que uns 5.300 estudantes (máis de 1.800 en Educación Infantil e uns 3.500 en Primaria) incorporáronse as aulas dos 21 centros públicos.
As únicas incidencias pasan polo peche por parte da Consellería de Educación da Escola de Educación Infantil de A Meán (Cerponzóns), por falta de matrícula; o atraso nas obras comprometidas no colexio Froébel; a sistemática falta de investimento por parte da Xunta; o incumprimento das promesas para construír o novo colexio de Valdecorvos e o Centro de Formación Profesional Carlos Oroza e os recortes, coa consecuente redución en profesorado.
O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, e o concelleiro de Educación, Agustín Fernández, realizaron a tradicional visita a un colexio urbano e outro do rural. Desta volta elixiuse o colexio de Froébel (onde segue pendente “sine die” o comezo da primeira fase das obras de reforma integral anunciada pola Consellería) e a Escola de Educación Infantil de Verducido.
Agustín Fernández explicou que o Concello investiu este verán preto de 7.000 euros en Froébel para acondicionar e limpar canalóns e tellados, unha actuación necesaria para evitar filtracións de auga e previr incidentes coa deteriorada cuberta. Ao respecto da Escola de Verducido, lembrou que foi completamente reformada polo Concello en 2009, cun investimento próximo aos 60.000 euros.
O concelleiro explicou que durante este verán acometéronse sete obras, cun investimento próximo aos 110.000 euros. O seu departamento ten previsto realizar outras melloras ata fin de ano, o que vai supor o gasto doutros 50.000 euros.
Con todo, o responsable municipal en materia de Educación subliñou que os principais problemas na rede municipal veñen derivados da falta de vontade da Xunta para negociar o mapa escolar, é dicir, a distribución dos nenos/as entre os 21 centros existentes. O concelleiro volveu destacar que os colexios do centro urbano están abarrotados e os rapaces, especialmente no tramo de Infantil, están a ser derivados polo rural dun xeito cada vez máis caótico.
No que atinxe á redución de profesorado, Agustín Fernández asegura que os sindicatos lle teñen confirmado que este curso iníciase cuns 25 mestres menos en Educación Infantil e Primaria e outros 60 en Secundaria.
O concelleiro amosou tamén a súa preocupación polo impacto que a subida do IVE vai ter no peto das familias. Estímase nuns 60 euros por familia na adquisición do material escolar.
Pola súa banda, o alcalde destacou a fonda preocupación do Concello pola situación do Ensino público, algo fundamental nun Estado moderno. Os recortes, explicou, estanse a traducir nunha redución brutal de profesorado, cando o que debería facer o Goberno da Xunta era apostar por facer investimentos que manteñan a calidade dun servizo que é clave para poder saír ben da crise económica.