Carlota Román recibe aos catro traballadores que participan este ano no Plan de Cooperación da Xunta

61

Os catro traballadores que prestarán servizo durante os próximos cinco meses no Concello de Pontevedra no marco do programa de Cooperación 2012 da Consellería de Traballo incorporáronse hoxe. A concelleira de Promoción Económica, Carlota Román, foi a encargada  de darllela benvida.
No acto, Román non evitou expresar o malestar do seu departamento pola pobre resposta da Consellería á petición realizada. O Concello de Pontevedra tiña solicitado un total de 38 traballadores a xornada completa durante 9 meses. A Xunta tan só concedeu catro traballadores durante cinco meses. Os postos concedidos corresponden a un oficial de primeira albanel e tres peóns albaneis. A consecuencia disto, a subvención solicitada para as novas contratacións, que ascendía a 891.728,59 euros, foi reducida a 33.526,3 euros.
A concelleira de Promoción Económica considera incomprensible a resolución da Xunta, unha nova mostra de insensibilidade social nun momento en que o  paro é o principal problema para os cidadáns. Aínda máis, Román cualifica como moi grave que a Consellería de Traballo incumpra as bases da convocatoria, nas que se determina que os municipios de máis de 20.000 habitantes terán un mínimo de seis contratacións nos programas de Cooperación 2012. De feito, o número de catro traballadores asignado a Pontevedra corresponde, segundo as bases aprobadas pola propia Consellería, ao baremo dos municipios de entre 2.001 e 5.000 habitantes.
Ao tempo, engade a concelleira pontevedresa asistimos a unha xeira de convenios entre a Consellería de Traballo e as deputacións provinciais. A Consellería entrega 1,9 millóns de euros á Deputación da Coruña, 2 millóns de euros á de Pontevedra e 1,2 millóns de euros á de Ourense para xestionar plans de emprego en coordinación cos concellos. A Deputación de Pontevedra xa informou que destinará os fondos exclusivamente para concellos de menos de 50.000 habitantes. Isto deixa fóra ao 40% dos desempregados da provincia, ou o que é o mesmo aos máis de 40.000 parados que residen en Pontevedra e Vigo.
Román quere resaltar que ao observar as cifras da serie temporal poden tirarse rápidas conclusións sobre o tratamento que Pontevedra ten tido nos programas de Cooperación da Xunta:

  • Ano 2012: 4 traballadores.
  • Ano 2011: 24 traballadores.
  • Ano 2010: 11 traballadores.
  • Ano 2009: 32 traballadores.
  • Ano 2008: 27 traballadores.

Ademais hai que ter en conta que o programa tiña unha duración de 12 meses en 2008 e cos últimos recortes tan só se conceden contratos de 5 meses.
A todo isto, engade a concelleira pontevedresa, hai que sumarlle a desaparición da Escola-Obradoiro ou Obradoiro de Emprego (nas súas dúas fórmulas) que tradicionalmente viña operando dende o barrio de Monte Porreiro por falta de subvención da Xunta.
O obxectivo dos programas de Cooperación, que poden contar con financiamento europeo, é servir de ferramenta para a mellora da empregabilidade, a través da adquisición de experiencia profesional para persoas desempregadas. Ao mesmo tempo, segundo se establece legalmente, cumpren a función de dinamización e xeración de novas actividades no medio local.