Pontevedra acollerá o I Salón Nacional do Deporte, a Saúde e a Nutrición “Sportis 2013”

49

O director xeral do I Salón Nacional “Sportis 2013”, Víctor Arufe, reuniuse hoxe coa concelleira de Turismo, Carlota Román García, co fin de pechar os detalles dun evento que pode chegar a atraer á cidade a máis de 20.000 visitantes. Así, os próximos 9, 10 e 11 de maio do 2013 o Pazo da Cultura e o Recinto Feiral de Pontevedra concentrará a máis dun centenar de empresas relacionadas coas Ciencias do Deporte e á Saúde

O I Salón Nacional do Deporte, a Saúde e a Nutrición “Sportis 2013” pretende ser un punto de encontro entre profesionais dos sectores do deporte, a saúde e a nutrición e o público en xeral. Todo o equipo humano de “Sportis 2013” traballará incansablemente para atraer ao público vinculado dun ou doutro xeito co ámbito deportivo. O evento terá como un dos seus lemas “Gústache o deporte? Gústache coidarte? Gústache comer sano? Entón interésate Sportis”.
Haberá ponencias e debates, pero tamén unha feira atractiva para todas as empresas e institucións que desexen mostrar ao público en xeral, dunha forma directa e a través de stands, os seus produtos ou/e servizos. O salón “Sportis” vai máis alá dunha feira convencional, posto que prevé ademais a realización de exhibicións deportivas, visita de deportistas destacados, conferencias e charlas, realización de talleres…

Carlota Román explicou aos organizadores que a Oficina de Congresos que a Concellería de Turismo está a montar foi concibida, precisamente, para que este tipo de eventos teñan o mellor asesoramento á hora de xestionar os hoteis, os espazos congresuais, así como ter fío directo coas empresas provedoras dos servizos habituais destes salóns, como montadores de casetas, protocolo, transporte ou aloxamento.

O Salón Nacional do Deporte, a Saúde e a Nutrición pasa así a converterse na primeira realidade do Plan de Promoción de Pontevedra como cidade de congresos. O Plan é unha das principais liñas estratéxicas das políticas a desenvolver dende a Concellería de Promoción Económica e Turismo. Como quedou claro durante a súa presentación estímase que cada participante nun evento congresual ou feiral deixará na cidade un retorno medio de 250 euros diarios.

Tras esta reunión cos organizadores de “Sportis”, a concelleira de Turismo manterá o vindeiro luns un encontro con varias OPC (empresas organizadoras profesionais de congresos) de Galicia así como con directivos de “Travel Advisor” (unha das principais asociacións de axencias especializadas de España). Tamén a semana que vén, a edil socialista acudirá ao Foro “Mice” (turismo de negocios) de Zamora e participará na asemblea da “Spain Convention Bureau”, principal ente de turismo de congresos en España, dependente da Federación Española de Municipios e provincias e do que Pontevedra é socia.