A Concellería de Promoción Económica recupera o viveiro municipal de empresas na rúa de Santa Clara

45

O edificio municipal da rúa de Santa Clara, número 4, que ata hai poucos meses acollía as oficinas da Concellería de Promoción Económica volverá funcionar como viveiro de empresas, o fin co que foi construído nos anos 90. Así o anunciou hoxe a concelleira Carlota Román, despois de que a Xunta de Goberno Local aprobara as bases para a adxudicación dos seis locais con que estará dotado.
A convocatoria publicarase nas próximas semanas e abrirase un prazo para a presentación de solicitudes. O obxectivo é que o Centro Municipal de Iniciativas Empresariais estea aberto durante este outono.
Román explicou que cando hai pouco máis dun ano fíxose cargo da Concellería de Promoción Económica e Turismo, unha das súas primeiras decisións foi a centralización de todos os servizos administrativos na Casa da Luz.
A situación económica actual, recalcou, aconsella apostar forte polo viveiro. Engadiu que trátase dunha cuestión de coherencia coa liña política do Goberno local. Nace así o terceiro viveiro da cidade (súmase aos da Cámara de Comercio e o que acaba de estrear a “Asociación de Jóvenes Empresarios”).
Para elo foi preciso revisar unha ordenanza municipal do ano 2001, que regulaba este Centro de Iniciativas Empresariais e actualizar as bases reguladoras para a adxudicación dos seis locais.
Poderán optar aos espazos dispoñibles as persoas físicas ou xurídicas que desen iniciar unha actividade empresarial ou profesional en Pontevedra. Os locais están deseñados para actividades de oficina ou administrativas. Non poderán dedicarse a actividades molestas, insalubres, nocivas ou perigosas, nin tampouco  a actividades comerciais que requiran licenza ou á venda directa de produtos.
Os adxudicatarios asinarán un primeiro contrato por seis meses, ao que se poden acumular prórrogas ata un máximo de dous anos. Pagarán prezos simbólicos que oscilan entre os 80,77 euros ao mes dos locais simples aos 161,55 euros mensuais dos dobres. Tamén é posible compartir local cunha tarifa de 56,54 euros mensuais. Disporán de sala de xuntas, servizo de recepción e asesoramento a cargo da Axencia de Desenvolvemento Local e dos orientadores laborais do programa ILES.
As empresas elixidas deberán estar encadradas preferentemente nalgún dos 19 xacementos de emprego que se consideran prioritarios, a partir de catro bloques temáticos:

  • Servizos da vida diaria (servizos a domicilio, coidado de nenos, novas tecnoloxías da ifnormación e da comunicación, axuda a mozos ou inserción social).
  • Servizos de mellora do marco de vida (mellora da vivenda, a seguridade, os transportes colectivos locais, a revalorización de espazos públicos, comercio de proximidade).
  • Servizos culturais e de lecer (turismo, audiovisual, valorización do patrimonio cultural, desenvolvemento da cultura local, deporte).
  • Servizos de medio ambiente (xestión de residuos, xestiónd a auga, protección e mantemento de zonas naturais, control da contaminación, control da enerxía).

Outros criterios de selección terán en conta o grao de innovación da proposta, a creación de postos de traballo (directos e indirectos), a capacitación profesional dos postos de traballo, a necesidade de tutela e asesoramento, a utilización ou potenciación das materias primas autóctonas e as expectativas de crecemento do proxecto.