Recepción aos dous estandartes do deporte paralímpico pontevedrés

42

Os dous deportistas paralímpicos máis destacados nos recentes Xogos celebrados en Londres recibiron hoxe o recoñecemento oficial do Concello de Pontevedra. Nunha recepción organizada polo concelleiro de Deportes, Agustín Fernández, á que se incorporou o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, destacouse o valor non só dos resultados obtidos, senón tamén do exemplo que supoñen para toda a sociedade.
O alcalde recalcou o orgullo de todos os pontevedreses por ter atesourado en Londres un nivel tan alto. Lembrou que, sumando as medallas olímpicas e paralímpicas, Pontevedra é a cidade de España con maior éxito durante os Xogos.
Agustín Fernández subliñou que o deber do Concello é potenciar a práctica deportiva en todas as esferas, e, por suposto, tamén no caso das persoas que sufren algún tipo de discapacidade. Na súa opinión, os logros de Saavedra e Nieves como os dous principais exponentes, serven de acicate para que os discapacitados dean outro paso máis para a súa plena integración na sociedade.
Juan Saavedra, medalla de prata en Londres, en carabina libre a 50 metros, posición tendido, comentou o enorme nivel que se dá no deporte paralímpico. Na modalidade de tiro pode chegar a ser, mesmo superior en puntuación aos olímpicos. Falou do crecente estatus de profesionalidade dalgúns deportistas, que adestran unha soa especialidade co obxectivo de seren os mellores do mundo. Explicou tamén os seus plans para mellorar o seu equipamento para igualar o que utilizan algúns dos seus rivais.
Pola súa banda, Gustavo Nieves, cuarto nos 5.000 metros lisos en modalidade de discapacidade visual, respostou ás preguntas sobre a cercanía da medalla de bronce, que escapou por apenas un par de segundos. Nieves, que acudiu co seu adestrador, Pablo Díaz, adiantou que está xa enfrascado na preparación do Campionato do Mundo, que se celebra en Lyon, e onde aspira ao máximo.
Agustín Fernández obsequiou aos tres visitantes con senllos catálogos da exposición "O latexo das prazas", que se pode contemplar na Casa da Luz, e que consiste nunha colección de postais realizadas a partir da visión dos fotógrafos dos medios locais.