O mellor do trampolín de España e Portugal esta fin de semana no Pavillón de Deportes

33

Esta fin de semana, entre o venres e o domingo, celebrarase a IV Copa Galicia Internacional de Trampolín, nas súas tres modalidades de cama elástica, dobre minitramp e tumbling. Nesta última especialidade, a proba ten rango de Campionato de España individual e clubs. As probas celébranse no Pavillón Municipal de Deportes de Pontevedra e a entrada é de balde. A xornada do sábado, e especialmente a mañá do domingo (finais entre as 9.30 e as 15 horas) son os mellores momentos para gozar dun deporte espectacular.
O concelleiro de Deportes, Agustín Fernández, presentou hoxe o evento acompañado da secretaria da Federación Galega de Ximnasia, Cristina Sánchez, e do coordinador do Ximnasia Pontevedra e seleccionador nacional de Ximnasia Acrobática, Pablo Hinojar.
Agustín Fernández informou de que se agarda a presenza duns 200 ximnastas, 30 técnicos e 16 xuíces. A eles hai que engadir acompañantes, polo que a cidade pode acoller a varios centos de persoas. Lembrou que trátase dun evento máis dentro da intensa política deportiva municipal, concibido non só para impulsar  o deporte, senón tamén para atraer xente a Pontevedra e apostar polo turismo e a ocupación hoteleira.
O concelleiro gabou o papel que Pablo Hinojar está a desempeñar en Pontevedra. Cualificou como un luxo ter entre nós a un técnico do seu prestixio. Co seu traballo diario, ten contribuído decisivamente a que Pontevedra ocupe o lugar que ocupa na ximnasia nacional e internacional, destacou.
Aproveitou tamén o acto para anunciar que a Concellería de Deportes enviará os próximos días unha proposta de convenio para que a Secretaría Xeral do Deporte colabore na construción dun Pavillón de Ximnasia valorado aproximadamente en 1,6 millóns de euros. A idea é que, unha vez resolto o convenio para o Centro Lúdico Deportivo da Parda, a Secretaría Xeral colabore a resolver esta perentoria necesidade na capital ximnástica de Galicia. O Concello tamén achegaría os terreos. Fernández afirmou que este pavillón é unha débeda histórica que cómpre saldar.
Cristina Sánchez destacou que a provincia de Pontevedra achega a varios dos mellores ximnastas de España e coincidiu con Agustín Fernández en que gran parte do mérito recae no traballo de Pablo Hinojar.
A secretaria da Federación Galega amosouse encantada co intento municipal de tratar de impulsar a construción do módulo de Ximnasia, porque, dixo, se co pouco que temos acadamos estes resultados e temos entre nós a campións do mundo, non imaxino o que poderiamos alcanzar coas infraestruturas axeitadas.
Pablo Hinojar animou a todos os pontevedreses a acudir ao Pavillón Municipal dos Deportes durante esta fin de semana. Esta cidade, destacou, tense desbordado coa Volta Ciclista ou o Campionato de España de Triatlón. É o momento de gozar dun deporte tan plástico como a ximnasia acrobática.
Ao respecto da carencia de infraestruturas, lembrou que varios destacados ximnastas  xa teñen saído de Pontevedra para poder adestrar en Centros de Alto Rendemento e poder así aspirar a máis altos obxectivos.
No que atinxe á Copa Galicia e o Campionato de España desta fin de semana, participan clubs de España e Portugal. Por parte lusa asisten os clubs de Santarém, Coimbra, Leiria e Moita. Por parte española, os clubs de Valladolid, Burgos, Vigo, Ourense e Pontevedra.
Cómpre destacar a calidade do equipo humano integrado polos ximnastas galegos, cuxa calidade técnica está demostrada nos resultados obtidos en Campionatos nacionais, internacionais e europeos. Entre os deportistas locais os máis destacados son:
Daniel Pérez Morais, quinto clasificado en DMT na vixésximo terceira “Trampolin European Championships”, celebrada en San Petersburgo (Rusia).
Yael Campelo Antón, primeira clasificada en DMT na Competición Internacional Cidade de Albacete.
Eduardo Novelle, terceiro clasificado en DMT na sétima “Internacional Loulé Cup”.
E xunto a eles varios ex campións e subcampións de España, que demostrarán a seu valía técnica nesta IV Copa Galicia de Trampolín.