A Concellería de Deportes repartirá case medio millón de euros en axudas aos clubs deportivos da cidade

24

A Xunta Reitora do Instituto Municipal de Deportes, que preside o concelleiro de Deportes, Agustín Fernández, aprobou hoxe, por unanimidade, as bases e a convocatoria  das tres liñas de subvencións que financian a actividade dos clubs deportivos da cidade durante este ano 2012. O importe total chega aos 479.100 euros.
Agustín Fernández está moi satisfeito tanto de ter mantido, un ano máis, o apoio ao Deporte local, como do apoio de todos os grupos políticos do Concello. Fernández quere agradecer publicamente o sentido do voto do Partido Popular.
As subvencións repártense en só tres liñas (organización de actividades, escolas deportivas e participación en competicións) despois da simplificación realizada durante este exercizo. O concelleiro de Deportes explicou que era necesario que as convocatorias resultasen o máis transparentes e intelixibles posible.
Fernández entende que o apoio ao Deporte local é unha aposta por manter o tecido social, pero tamén pola dinamización económica da cidade. Pontevedra non pode permitirse o luxo de que desaparezan clubs deportivos, tal e como está a suceder noutras localidades. O noso sinal de identidade é o noso enorme potencial, tanto en deporte base como de competición e o Concello debe facer un esforzo por manterse á altura das circunstancias, destaca o responsable municipal.
A primeira das liñas de subvencións cobre a organización de actividades deportivas. O importe sobe ata os 61.500 euros, un 2,4% máis que o repartido o ano anterior (60.000 euros).
A segunda, refírese ao funcionamento das escolas deportivas municipais. O importe pasa dos 111.270 euros repartidos o ano anterior a 126.600 euros reservados neste. O número de prazas que acaban de seren convocadas (o prazo de solicitudes aínda está aberto) sobe das 1.669 do exercizo anterior ás 1.800 prazas.
Finalmente, as subvencións para a participación en competicións oficiais baixan un 3% ao pasaren dos 300.000 euros aos 291.000 euros. Trátase, subliña o concelleiro de Deportes, dun recorte moi pequeno e, en todo caso, substancialmente inferior ao que están aplicando outras Administracións públicas.
Agustín Fernández xa expresou aos clubs pontevedreses que o procedemento para o pago das subvencións municipais será áxil e non se demorará máis do necesario, unha vez que se xustifique documentalmente a realización das diferentes actividades.