Máis de 110.000 euros de investimento en Estribela para arranxar a rúa Pedralonga e a praza Marqués de Valterra

60

O tenente de alcalde e concelleiro de Urbanismo, Antón Louro, estivo está mañá no barrio mariñeiro de Estribela para anunciar aos veciños os dous proxectos máis inminentes que se executarán na zona no marco da Área de Rehabilitación Integral (ARI) e que totalizan máis de 110.000 euros.
Louro puido comprobar como, de feito, xa comezaron as obras de acondicionamento na rúa  da Pedralonga. Os traballos contan cun orzamento de 21.300 euros e un prazo de execución de tres meses.
A rúa ten unha lonxitude de 40 metros e resulta bastante estreita, cos ángulos e entrantes tan típicos na fisonomía urbana do barrio mariñeiro de Estribela. Comunica as dúas rúas principais do barrio: Marqués de Valterra e Senén Sobral. O orzamento é contido porque a vía conta con servizos soterrados de saneamento, abastecemento de auga, iluminación pública, gas e telecomunicacións. Todos eles serán revisados, pero, en principio, non parece necesario substituílos.
O principal problema vén dado polo pavimento. A superficie é mixta a base de lastros de pedra, moi irregulares e labra ruda, cunha faixa central de pedra, tamén en moi mal estado. Existen tapas de rexistro soltas e desniveladas, tamén parches de cemento e chanzos de pedra ou formigón nos accesos ás edificacións particulares. Todo este material será levantado para a súa substitución por lousa de pedra continua, de 12 centímetros de grosor.
Sen embargo, o maior volume inversor concentrarase na reordenación dos espazos públicos na praza de Marqués de Valterra, no ámbito limítrofe co concello de Marín. A actuación abranguerá unha superficie de 390 metros cadrados. O orzamento ascende a 93.700 euros e o prazo de execución será tamén de tres meses. A obra está a piques de seren adxudicada.
Toda a zona, será amplamente reestruturada para facela máis amable ao tránsito peonil e aproveitando a circunstancia de que conta con varios comercios e establecementos hosteleiros. Haberá unha importante ampliación das beirarrúas no lado onde están os edificios para gañar un ancho que chegará aos tres metros. Dotarase de mobiliario urbano e novos farois de alumeado.
A reordenación proxectada respectará a disposición actual dos postos da feira de Estribela e os novos espazos serán pavimentados con pedra de calidade, tamén de 12 centímetros de grosor.
Durante a visita, Louro anticipou a planificación da ARI para os próximos anos, que inclúen o resto da área da praza de Marqués de Valterra e a reforma das rúas do Mercado (transversal de Marqués de Valterra) e de Comboa (na parte alta de Estribela).